A mostra 'Mulleres en Acción polo Planeta' enche a Capela de Santa María de deseño artístico

A Capela de Santa María acolle a exposición 'Mulleres en Acción polo Planeta: Océanos e Terra', unha mostra de deseños artísticos elaborados con materiais reciclados que se inaugurou coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente.
A proposta, comisariada polas artistas Dolores Guerrero e Rosa Gallego del Peso, busca provocar a reflexión sobre o impacto do cambio climático e o crecemento descontrolado dos vertidos que ameazan o equilibrio do planeta.
A inauguración contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e da concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buíde, que quixeron apoiar esta iniciativa concibida como ferramenta de sensibilización ambiental.
A exposición reúne o traballo de 21 mulleres, entre artistas, críticas de arte e xornalistas, que empregaron plásticos, papel, cartón, cápsulas de café ou anacos de tea para dar forma a pezas de forte carga estética e simbólica.
As creacións, presentadas sobre manequíns ou en parede, acompañadas de accesorios e textos explicativos, abordan temas como a contaminación dos océanos, o consumismo na industria da moda, a importancia da reciclaxe ou o papel das mulleres na defensa do medio ambiente. Cada obra invita á reflexión e denuncia a transformación do planeta nun gran vertedoiro debido á acumulación de residuos.
Durante o acto, Efrén Castro destacou “a capacidade da arte e o deseño para poñerse ao servizo da concienciación sobre o impacto ambiental e social do ritmo de consumo de roupa nas sociedades occidentais”, subliñando a necesidade de espazos como este para repensar os nosos hábitos desde unha óptica creativa e crítica.
A exposición 'Mulleres en Acción polo Planeta: Océanos e Terra' poderá visitarse na Capela de Santa María ata o 29 de xuño, en horario de 10.30 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.