A Muralla de Lugo, escenario da Copa de Marcha Nórdica na que se citan os campións de España e de Europa
O adarve da muralla de Lugo acollerá este domingo a II Copa Xunta de Galicia de Marcha Nórdica, cun circuíto que tamén pasará por algunhas zonas do centro de Lugo e que os atletas terán que cubrir cinco veces, para percorrer unha distancia total de 11.800 metros. Nesta segunda edición, que de novo contou coa colaboración da Xunta de Galicia, inscribíronse un total de 161 participantes, entre eles o campión de Europa, os campións de España masculino e feminino, o campión galego, e varios integrantes da selección galega.
Esta competición enmárcase no denominado II Trofeo Terras do Miño, no que participarán unhas 240 persoas, e que inclúe outras probas deportivas, andainas e rutas turísticas pola contorna de Lugo e tamén polo casco histórico, para coñecer os tres monumentos Patrimonio da Humanidade.
A propostas ten ademais un importante carácter solidario, xa que o 20 % do importe das inscricións se doará á asociación Somos Unidos Contra el Cáncer. Á presentación asistiron varias autoridades acompañadas por integrantes do club Nordic Walking Lugo e representantes da Federación Galega de Montañismo. Este evento non só ten importancia desde o punto de vista deportivo senón tamén polo que supón para a promoción turística da cidade de Lugo e da súa contorna. D
e feito, entre os atletas inscritos nestas probas, hai deportistas de toda Galicia, País Vasco, Madrid, Asturias, Cantabria, Castela-León, Castela-A Mancha e o atleta navarro Pedro Romero, que entre outros títulos é campión de Europa. A competición, reservada unicamente para deportistas federados, se desenvolverá o domingo día 28, desde as 11.00 da maña, polo adarve da muralla, e con saída e meta na Praza Maior.