A Muralla de Lugo será o eixo central da campaña que se presentará no Fitur 2022
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentará a vindeira semana en Fitur 2022 a campaña ‘Lugo, dez portas abertas ao mundo’, “na que, coa referencia das portas da nosa Muralla romana como símbolo de apertura da cidade ao mundo, queremos promover dúas experiencias que suman o mellor da nosa historia, patrimonio e natureza: o Arde Lvcvs e o Camiño Primitivo”.
O Concello presentará a súa oferta turística e cultural o vindeiro venres, 21, na maior feira de turismo de España, “e queremos facelo dándolle unha maior proxección internacional á riqueza patrimonial da nosa cidade, a que representa o Camiño Primitivo, Patrimonio Mundial pola Unesco, de enorme riqueza tamén natural, e o Arde Lvcvs, porque se na primeira Lugo se amosa como destino único para os peregrinos de todas as nacionalidades, a segunda sitúase como a mellor festa de recreación histórica de España e do mundo, representando o noso legado histórico e a forza dos e das lucenses, que manteñen con vida esta gran celebración”.
Na presentación oficial de Lugo, acompañarán á rexedora a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, e o edil de Xuventude, Mauricio Repetto. A primeira falará de ‘Lugo Km 100’ co fin de poñer en valor o Camiño Primitivo, facendo tamén especial fincapé na súa importancia para atraer turismo de proximidade, e o segundo enxalzará o Arde Lvcvs como “unha festa que nos une como pobo e que preparamos con paixón, orgullo e do xeito máis fidedigno e respectuoso cos nosos devanceiros”.
Ademais, aproveitarase a estancia en Fitur para seguir co traballo para acadar a declaración do Arde Lvcvs como Festa de Interese Turística Internacional, unha vez que xa presume de ser Festa de Interese Turístico Galego e Nacional.
Méndez, apuntou que “é fundamental potenciar un turismo acorde co modelo de cidade polo que estamos a apostar, baseado na sustentabilidade, máis amable e próximo ás persoas que pretende seducir e motivar a aqueles visitantes que buscan vivencias e experiencias de calidade, seguras, diferentes e en contornas naturais e de gran riqueza patrimonial”.