A música clásica enche Lugo con dous concertos gratuítos do Festival Cidade de Lugo

LugoXa
Eduardo Fernández e Carlos Mena actúan os días 27 e 29 de maio no Conservatorio Xoán Montes e o Círculo das Artes
concerto-Festival-Musica-Cidade-de-Lugo
27 May 2025

O Festival de Música Cidade e Lugo celebra a súa 52ª edición con dúas citas destacadas esta semana que achegarán ao público lucense o talento de figuras de primeiro nivel da música clásica.

Esta tarde de martes, 27 de maio, o pianista Eduardo Fernández ofrecerá un recital ás 20:30 horas no Conservatorio de Música Xoán Montes, no que interpretará obras de Bach, Sibelius, Liszt e Chopin. A entrada será libre ata completar aforo.

Recoñecido co prestixioso Premio Ojo Crítico de Radio Nacional de España, Eduardo Fernández está considerado como un dos pianistas máis destacados da súa xeración, cunha interpretación recoñecida pola súa profundidade, madurez e personalidade artística.

Dous días despois, o xoves 29 de maio, será a quenda do contratenor Carlos Mena, que actuará ás 20:30 horas no Círculo das Artes acompañado polo grupo Concerto 1700, cun programa titulado Sacro Vivaldi. A entrada tamén será gratuíta ata completar as localidades dispoñibles.

Natural de Vitoria-Gasteiz, Carlos Mena formouse na prestixiosa Schola Cantorum Basiliensis de Basilea e na actualidade é profesor de canto histórico na mesma institución.

Pola súa banda, Concerto 1700, fundado en 2015 polo violinista Daniel Pinteño, é unha das formacións máis relevantes do panorama historicista español, especializada na interpretación de obras barrocas con criterios fieis á época.

O Festival Cidade e Lugo convértese así, unha vez máis, nun punto de encontro para as persoas amantes da música clásica, con propostas de primeiro nivel ao alcance de todo o público.

⚙ Configurar cookies
0.1868040561676