A música, o teatro, a danza e a fotografía integran o novo programa cultural do Campus de Lugo

LugoXa
Música, teatro, danza, exposicións, faladoiros, cursos ou propostas audiovisuais integran a programación da Primavera Cultural da USC que xa está en marcha.
danza_usc
18 Feb 2024

Música, teatro, danza, exposicións, faladoiros, cursos ou propostas audiovisuais integran a programación da Primavera Cultural da USC que xa está en marcha. Nesta segunda edición, a USC leva ao campus de Lugo múltiples actividades que estenden a acción cultural da institución dentro e fóra das aulas para fomentar o espírito crítico do estudantado con actividades interdisciplinarias e abertas, na súa maioría, ao conxunto da sociedade.

En canto as actuacións musicais, Lugo acolle o venres 23 de febreiro, ás 19.00 horas, na praza de Santa María, un concerto a cargo de Belém Tajes, Antía Muíño e MJ Pérez. Os amantes do teatro tamén teñen o seu oco no prorgrama, xa que do 15 ao 21 de abril, a cidade acollerá a trixésima edición do Festival de Teatro Universitario. O encontro de Danza da USC tamén chegará a Lugo entre os días 25 e 26 de abril.

Pola súa parte, o Curso de Primavera que cada ano acolle o Campus de Lugo xirará arredor da arte urbana. Os Encontros de Lúa Chea do Campus de Lugo, faladoiros sustentados en datos sobre temas relevantes para a sociedade, mantéñense de novo nesta Primavera Cultural para abordar cuestións como a agricultura e a sustentabilidade. Encontros e certames audiovisuais e de fotografía completan a programación na sede universitaria luguesa.

0.137531042099