A neve e a chuvia, protagonistas da xornada
Dende Protección Civil informan que a situación do río empezou a mellorar. Na zona da N-VI, por exemplo, o nivel baixou en torno aos 30 centímetros, polo que xa foi retirada a sinalización correspondente e, en Ombreiro, onde tamén preocupaba a súa evolución, a auga xa baixa con fluidez pola ponte. Aínda así, o servizo de Protección Civil manterá a vixilancia da canle durante todo o seu percorrido polo municipio, seguindo moi pendentes da situación nos puntos máis conflitivos (San Lázaro, A Ponte e Ombreiro).
En canto aos Bombeiros, as incidencias atendidas onte son as xa informadas e dende as 09:00 horas desta mañá non tiveron ningunha, ao igual que confirmou tamén a Policía Local. Xa no relativo ao dispositivo por neve, dende a Área de Medio Ambiente mantense o operativo. A esta hora, tanto o persoal de Ecolugo como Protección Civil estiveron a esparexer sal naquelas rúas e calzadas nas que cuallaron as precipitacións de neve rexistradas.
Durante a xornada de onte a auga e a neve deixaron diversas incidencias na cidade de Lugo que amaneceu esta maña de mércores cuberta por unha capa blanca. Dende a policia local informan que coas inundacións debido á crecida do Río Miño, foi preciso cortar a Calzada da Ponte nas inmediacións da Ponte Romana, inundándose unha casa e procedendo a desviar o tráfico rodado cara a N-VI onde colaboran tamén Bombeiros e Protección Civil na axuda ao desaloxo do baixo da devandita vivenda.
O Paseo Álvaro Cunqueiro tamén foi cortado, dende a Estrada Vella de Santiago, para impedir o acceso ao colexio da Ponte debido á crecida do río que afecta ao propio centro escolar, onde se suspenderon as clases. Ata este centro se desplazaron o tenente alcalde, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Educación, Felipe Rivas, para comprobar de primeira man os danos causados pola suba do nivel do río. Arroxo destacou o traballo dos servizos de emerxencia do Concello de Lugo, "que están a traballar desde o primeiro momento en garantir a seguridade da veciñanza e en paliar ao máximo posible os danos causados pola auga".
Na N-VI ao seu paso por diante do Muíño, foi preciso a colocación de sinalización debido a que o caudal do río chega case á mesma vía, coa finalidade de que o tránsito rodado reduza a velocidade.
En Ombreiro o desbordamento do Miño tamén fixo que estrada provincial LU-P-2905, que conecta as parroquias lucenses de Ombreiro e Aspai quedase cortada. Tamén varias vías nas zonas limítrofes ao bar Suso, onde o río Narla anegou parcelas e camiños veciñais, ademais da propia estrada que leva a San Xoan de Parada.
Os paseos do Rato dende Casa María e tamén o do Río Miño dende a Fábrica da luz manteñense pechados ao atoparse inundados, así como tamén o acceso ao estacionamento da escola de piragüismo pola inundación da zona.
Na montaña lucense a neve tamén é protagonista nesta xornada de mércores na que quedou suspendido o servizo de bus escolar ante a mala climatoloxía. A estrada A-6 desde o km 432 en Pedrafita do Cebreiro ata o 438 en Noceda ten prohibido a circulación a camións e articulados ante a meteoroloxía adversa.