A nova canastra de Augas Férreas, inaugurada a semana pasada, xa caeu ao chan

Fai seis días, o pasado 20 de febreiro, a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, inauguraba unha nova canastra de baloncesto na praza de Augas Férreas como parte do seu "compromiso co deporte a sociedade de Lugo".
Actualmente, porén, atópase caída e "protexida" por unhas bandas de plástico que mostran unha "escasa calidade" nos materiais que a conforman, tal e como sosteñen algúns veciños do barrio.
"Non sabemos que puido pasar, pero seguramente o primeiro neno ou rapaz que agarrou a canastra para sosterse no aire fixo que a base non aguantase e caera", reflexionan.
O pasado 20 de febreiro, o Goberno local afirmaba que "a nova canastra está deseñada para resistir actos vandálicos e conta cunha rede de cadea, garantindo a súa durabilidade fronte ás condicións meteorolóxicas e ao uso continuado".