A nova directiva de Cántigas e Frores reuniuse con Maite Ferreiro para falar dos seus proxectos
A nova directiva de Cántigas e Frores reuniuse coa concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua de Lugo, Maite Ferreiro, para facer un balance das actividades realizadas xuntas, así como dos proxectos previstos para o ano 2025.
A concelleira subliñou a relevancia desta asociación no ámbito cultural lucense e destacou a estreita colaboración entre a área de Cultura e Cántigas e Frores, resaltando o seu papel activo na organización de diversas actividades culturais.
Ferreiro, tamén, destacou a calidade e diversidade da programación cultural de Lugo, que ao longo do ano ofrece unha ampla selección de actividades premiadas e recoñecidas tanto a nivel galego como estatal e internacional.
Neste 2025, Cántigas e Frores celebra o seu 77 aniversario, e dentro das iniciativas máis destacadas que se desenvolverán en colaboración coa área de Cultura figuran o festival de música e baile tradicional, que se inclúe na programación das festas de San Froilán, así como a Feira do 48, que toma o nome do ano de fundación da Asociación.