A nova directiva de Cántigas e Frores volveuse reunir coa alcaldesa de Lugo

A nova directiva da agrupación cultural Cántigas e Frores volveu reunirse coa alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, despois de culminar un proceso de renovación para elixir a nova xunta. No encontro participaron o novo presidente do colectivo, Anxo Vilabrille, e o seu compañeiro na directiva, Álvaro Candal.
Durante a reunión, abordaron os retos inmediatos da agrupación e as próximas actuacións que marcarán a súa actividade nos vindeiros meses.
A alcaldesa destacou a relevancia de Cántigas e Frores na escena cultural lucense, afirmando que “é parte imprescindible da cultura da nosa cidade”.
Ademais, resaltou a longa traxectoria da agrupación, que este 2025 celebrará o seu 77º aniversario. “A súa contribución foi e segue sendo clave no mantemento e na promoción do baile e da música tradicionais”, sinalou Alvarellos.
A rexedora municipal interesouse polos proxectos que están a preparar para este ano e puxo en valor a súa labor como divulgadores da cultura galega. Destacou, ademais, a importancia do seu traballo nas escolas da agrupación, que constitúen unha auténtica canteira de talentos artísticos e culturais.
Durante a xuntanza, comentáronse algúns dos eventos nos que a agrupación participará activamente este ano, como o Entroido, a Semana Santa e a tradicional Feira do 48, que se celebra en setembro para conmemorar o nacemento da entidade.