A nova estación intermodal de autobuses de Lugo estará lista a finais de 2026

LugoXa
As obras, cun orzamento global de 19 millóns de euros, inclúen un aparcadoiro subterráneo de 250 prazas e avanzan xa coa cimentación completada
Intermodal-Lugo-PP
19 Sep 2025

A futura estación de autobuses de Lugo, integrada no proxecto da intermodal, avanza cara á súa finalización prevista para o outono de 2026. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, visitou os traballos, que contan cun investimento de 14 millóns de euros nesta fase e que abranguen tamén a construción dun aparcadoiro subterráneo con capacidade para 250 vehículos.

O conselleiro fixo coincidir esta visita coa Semana Europea da Mobilidade, que este ano leva por lema “Mobilidade para todas as persoas”. Subliñou que os obxectivos desta celebración están en liña coa aposta da Xunta por un transporte público accesible, seguro e inclusivo. Lembrou, ademais, que Galicia xa dispón de estacións intermodais en Santiago, Vigo, Ourense e Pontevedra, mentres que as de A Coruña e Lugo seguen en execución grazas á cooperación institucional.

Segundo explicou Calvo, o aparcadoiro subterráneo supera xa o 80 % de execución e estará operativo antes de rematar o ano, agás as conexións eléctricas pendentes. Na terminal de autobuses, a cimentación está rematada e avánzase na construción dos piares, accesos e núcleo de escaleiras e ascensores, prevéndose a próxima instalación da estrutura metálica do edificio principal. A estación contará cunha superficie de 7.700 metros cadrados, 18 dársenas para viaxeiros e cinco de regulación, ademais dun edificio complementario con cafetería, oficinas e zonas de servizos.

O conselleiro incidiu en que a intermodal só acadaría todo o seu sentido coa chegada do AVE a Lugo. Nese sentido, reclamou ao Goberno central que execute as variantes ferroviarias pendentes e mellore as conexións con Ourense e A Coruña, lembrando que actualmente os usuarios sofren transbordos en Ourense pola electrificación do tramo e que se perderon servizos madrugadores cara Madrid.

Ademais, Calvo repasou outras medidas impulsadas pola Xunta en materia de mobilidade, como axudas á renovación de flotas de transporte, subvencións ao taxi e descontos a través da Tarxeta de Mobilidade, coa que menores de 21 anos e maiores de 65 poden realizar ata 60 viaxes gratuitos ao mes.

Antes desta visita, comprobou tamén os traballos de mellora da accesibilidade nas paradas de bus da rede autonómica, financiados con fondos europeos. O plan permitirá actuar en máis dun milleiro de puntos en Galicia, 29 deles en accesos a Lugo e 49 en toda a provincia, cun investimento de máis de 2 millóns de euros.

⚙ Configurar cookies
0.10945796966553