A nova pavimentación no barrio Recatelo dará continuidade aos treitos xa peonalizados na primeira fase
O tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e o concelleiro Alexandre Penas, responsable de Infraestruturas Urbanas, visitaron o barrio de Recatelo, onde están a avanzar os traballos da segunda fase da renovación integral da rúa Isaac Díaz Pardo, nos que o Goberno de Lugo inviste 102.767,31 euros.
Alexandre Penas explicou que “avanzamos coa renovación integral de Recatelo, completando a zona peonil que comunica o centro da cidade co Parque de Rosalía, e mellorando as instalacións públicas e a calidade de vida das veciñas e veciños”.
As obras que se están a executar e que durarán tres meses consisten no segundo treito da obra, situada entre as rúas Avelino Pousa Antelo e Cidade de Viveiro, “un treito que por cuestións orzamentarias non puido incluírse na primeira fase das obras”, explicou o concelleiro de Infraestruturas.
Así, estase a renovar o saneamento e a recollida de augas pluviais, ademais das instalacións de alumeado e telecomunicacións, e a nova pavimentación dará continuidade aos treitos xa peonalizados na primeira fase, e instalarase tamén novo alumeado público.
Penas lembrou tamén que a Tenencia de Alcaldía continuará nos vindeiros meses realizando actuacións no barrio, como a renovación do Carril dos Loureiros, tal e como se acordou coa veciñanz, onde se habilitará unha plataforma única “que nun futuro poderá ser peonil”, ademais da renovación do muro de Frei Plácido Rei Lemos, que foi apuntalado a finais do ano pasado, e do que se realizará unha actuación integral de renovación.