A nova pista de motocross de Teixeiro será referente no noroeste peninsular
Estanse a rematar as obras de creación da nova pista de motrocross situado na parroquia de Teixeiro e que permitirán que Lugo conte co circuíto de motocross de referencia do noroeste peninsular, unha pista única en Galicia polas súas características e que poderá acoller competicións mundiais.
Trátase dun circuíto de 2.000 metros de pista e 10 metros de ancho, medidas aptas para celebrar campionatos a nivel internacional. Para a súa execución aproveitáronse os desniveis naturais do terreo para facer parte dos saltos. Deste xeito, conta cunha ampla variedade de saltos e trazadas para todos os niveis; así mesmo, tamén disporá dalgún salto mais técnico para os pilotos máis experimentados.
Actualmente o trazado da pista xa está finalizado e están a rematar coa instalación do peche; a continuación, levaranse a cabo as correspondentes tarefas de acondicionamento e limpeza do resto das instalacións, para que o recinto poida estar operativo á maior brevidade posible.
A parcela contará tamén cun espazo habilitado para o paddock e reservarase unha zona para realizar cronos de enduro. No deseño da pista tamén participou, achegando o seu coñecemento e ideas, o organizador do Gran Premio de España de motocross que se celebra anualmente na Comunidade de Madrid, Diego Muñoz.
A nova pista levará o nome do laureado piloto lucense Jorge Prado, quen, con tan só 20 anos, xa conta no seu palmarés con dous campionatos do mundo na categoría MX2, un europeo en 125 c.c. e un mundial en 65 c.c. Actualmente compite co equipo KTM na categoría raíña do motrocross (MXGP), sendo un dos máximos referentes do deporte lucense.