A nova residencia de maiores de Antas de Ulla entra na recta final para a súa apertura

O Concello de Antas de Ulla confirmou que a nova residencia de maiores do municipio entra xa na recta final para a súa apertura, poñendo fin a máis de tres anos de espera para as persoas maiores e as súas familias. Na mañá do mércores 4 de marzo, o Concello recibiu a solicitude da Xunta de Galicia para a concesión da licenza de actividade necesaria para iniciar o funcionamento das novas instalacións. Tras solicitar a documentación que faltaba e recibir todos os documentos requeridos, desde o goberno municipal activouse de inmediato a tramitación do expediente, concedéndose a licenza en apenas 24 horas.
Desde o Concello explican que esta rapidez responde a un único obxectivo: facilitar canto antes o regreso das persoas maiores de Antas de Ulla ao seu municipio. Co inicio das obras da nova residencia, as persoas usuarias tiveron que ser trasladadas provisionalmente a un piso en Monterroso e tamén a outras residencias da contorna. O que inicialmente estaba previsto como unha solución temporal acabou prolongándose durante tres anos, durante os cales moitas persoas maiores tiveron que vivir afastadas do seu contorno habitual.
Por iso, desde o momento en que chegou a solicitude da licenza, todo o equipo do Concello centrou os seus esforzos en tramitar o expediente coa máxima prioridade, para que as novas instalacións poidan comezar a funcionar canto antes. A nova residencia supón unha infraestrutura moi necesaria para Antas de Ulla, un concello cunha poboación cada vez máis envellecida que necesita servizos de proximidade para garantir o coidado e o benestar das persoas maiores.
O centro está situado nun entorno natural e tranquilo, afastado do ruído das cidades, e foi deseñado para ofrecer calidade de vida, atención e dignidade ás persoas maiores do municipio. Desde o Concello tamén quixeron agradecer a paciencia dos usuarios, das familias, das coidadoras e da veciñanza durante estes anos de espera, así como o traballo das persoas que, desde diferentes ámbitos, contribuíron a que este proxecto siga avanzando.
Ao mesmo tempo, o goberno municipal recoñece que durante estes tres anos botouse en falta un canal de diálogo máis fluído coa Xunta de Galicia, xa que se solicitaron en varias ocasións reunións para abordar a situación da residencia sen obter resposta. En todo caso, o Concello subliña que as portas da institución municipal estarán sempre abertas á colaboración e ao diálogo institucional, especialmente cando se trata de iniciativas que teñen como obxectivo mellorar a vida da veciñanza.
Agora, coa licenza de actividade xa concedida, Antas de Ulla dá un paso decisivo para recuperar un servizo fundamental para o municipio e permitir que as persoas maiores poidan volver estar preto das súas familias, da súa terra e da súa comunidade. Un proxecto que comezou fai 30 anos vese agora completado no seu conxunto.