A nova residencia de maiores de Lugo comezará a funcionar en maio

LugoXa
O centro conta con 120 prazas, zonas de atención especializada e servizos de comedor, podoloxía, ximnasio, lavandería ou salón de peiteado O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, indica que está previsto que a residencia de Lugo, froito da colaboración do Goberno autonómico e a Fundación Amancio Ortega (FAO), comece a recibir os primeiros usuarios a partir do vindeiro mes de maio.
residencia_santo_antonio_de_padua
5 Abr 2024

O centro conta con 120 prazas, zonas de atención especializada e servizos de comedor, podoloxía, ximnasio, lavandería ou salón de peiteado

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, indica que está previsto que a residencia de Lugo, froito da colaboración do Goberno autonómico e a Fundación Amancio Ortega (FAO), comece a recibir os primeiros usuarios a partir do vindeiro mes de maio. Así o asegurou durante o acto de entrega da segunda residencia, situada no barrio lucense da Residencia, en compañía da presidenta da Fundación, Flora Pérez Marcote, e da conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García.

Esta nova residencia, financiada integramente na súa construción e equipamento pola FAO e que levará o nome de San Antonio de Padua, entrégase chave en man á Xunta para integrarse na rede pública, segundo o Convenio asinado o 13 de novembro de 2019 co Executivo autonómico. O centro, executado segundo o modelo creado por Elsa Urquijo Arquitectos , conta con 120 prazas —distribuídas en 42 habitacións dobres e 36 individuais—, zonas de atención especializada —con salas de terapias e consultas médicas— e servizos de comedor, podoloxía, ximnasio, lavandería ou salón de peiteado, entre outros.

Unha mostra do carácter vangardista do centro son as unidades psicoxeriátricas coas que conta, para a atención ás persoas con alzhéimer e outras demencias. Con este novo centro, contan xa con prazas públicas máis de 15.000 persoas en Galicia, máis do triplo que en 2009. En total, a aportación da FAO para o proxecto das sete residencias en Galicia é de 180 millóns de euros, superior a cantidade prevista inicialmente, debido á calidade do proxecto construtivo e o carácter vangardista do equipamento instalado, e suporá a creación de máis de 800 empregos.

Nas cidades da Coruña, Pontevedra e Ferrol os traballos de construción están en plena execución, e nos estadios de tramitación urbanística as residencias de Ourense e Vigo. A FAO investiu máis de 25 millóns de euros na construción e o equipamento deste centro de Lugo. Rueda agradeceu o compromiso, implicación e dedicación da Fundación Amancio Ortega no eido social que se traduce en proxectos coma estas residencias públicas que van construír —para ampliar en 900 as prazas da rede pública autonómica—, as escolas infantís impulsadas en oito concellos ou os centros interxeneracionais de Ourense e Arteixo.

Unhas 900 prazas

Pola súa parte, a alcaldesa de Lugo indicou que a posta en marcha da residencia San Antonio de Padua vén a cubrir unha carencia histórica na nosa cidade. “Debemos recordar que en Lugo no se crea unha praza pública por parte da Administración autonómica desde fai 40 anos, polo que a vontade amosada pola Fundación significa unha contribución enorme para as e os lucenses”.

Definiu a aportación do proxecto á cidadanía galega como “abraiante”. “Estamos a falar de 900 prazas postas ao dispor dos galegos e galegas que axuda enormemente a paliar o déficit de máis de 14.000 prazas en residenciais que sufremos en Galicia”, explicou. E aproveitou a ocasión para destacar o eixo sobre o que pivota toda a xestión municipal: as persoas. “Ningún lucense pode quedar atrás, a atención ás nosas  persoas maiores é e seguirá sendo unha prioridade para o noso Goberno”, dixo.

Compromiso que leva a destinar as políticas sociais máis do 30 % do orzamento municipal. “As persoas maiores representan o 21% do total da poboación lucense. Non debemos olvidar que en Lugo hai en torno a 5.000 persoas de máis de 65 anos que residen soas nas súas vivendas e sobre as que, dende a área de Benestar, se realiza un seguimento continuado co fin de informalos dos recursos que teñen á súa disposición en función das necesidades”, proseguiu.

0.098159074783325