A nova residencia de maiores de Lugo situarase onde o vello hospital
O Consello Territorial de Patrimonio Cultural da provincia de Lugo vén de informar favorablemente o proxecto básico para construír a nova residencia de maiores cuxa construción e equipamento financia a Fundación Amancio Ortega no barrio da Residencia da capital lucense.
A nova infraestrutura ocupará a parcela do vello Hospital Xeral e estará no contorno de dous elementos catalogados, o hospital materno-infantil e antiga escola de enfermaría.
A residencia proxectada constará de baixo e tres andares, cunha cuberta plana invertida e unha fachada resolta con paneis prefabricados de formigón. Segundo as consideracións de Patrimonio, a proposta proporciona unha imaxe limpa que non produce afeccións negativas aos bens patrimoniais.
Así pois, lémbrase que ofertará 120 prazas e suporá a creación de 115 postos de traballo directo no sector dos coidados, e contará co máis moderno equipamento e con servizos innovadores, como as unidades psicoxeriátricas, especializadas na abordaxe do Alzhéimer e outras demencias.
No que atinxe ao deseño dos espazos, na parte inferior da edificación estarán emprazados os servizos comúns para os usuarios (comedor, salas de convivencia, salas de rehabilitación e fisioterapia, cafetería...) e o resto de alturas son de uso habitacional.
O proxecto escollido inclúe grandes lucernarios interiores e fiestras de gran tamaño que reforzan a iluminación natural de todos os espazos. Ademais está proxectada unha ampla zona verde, destinada a xardín, que permitirá o esparcemento dos usuarios.