A nova subdelegada do Goberno presenta as actividades previstas arredor do 25N

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presentou hoxe a programación de actividades organizada pola Subdelegación do Goberno con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, acompañada pola xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller, María Luisa Castro.
A primeira das accións xa se pode ver dende esta mañá na entrada principal do edificio da Subdelegación, coa colocación dos paneis informativos das últimas campañas de sensibilización da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, dependente do Ministerio de Igualdade. Estes paneis recollen as mensaxes máis destacadas das campañas lanzadas nos últimos anos, co obxectivo de seguir concienciando sobre a necesidade de identificar e combater todas as formas de violencia que sofren as mulleres: física, psicolóxica, sexual ou económica.
A subdelegada destacou que “estas imaxes son un chamamento á acción e á responsabilidade colectiva, porque a violencia machista é unha cuestión de Estado e só a poderemos erradicar con máis educación, máis formación e máis recursos públicos”. López engadiu que o Goberno “mantén un compromiso inquebrantable coa igualdade real entre mulleres e homes, a través de políticas públicas que apostan pola prevención e pola atención integral ás vítimas”.
Programación de novembro arredor do 25N
As actividades continuarán o mércores 6 de novembro co primeiro dos obradoiros de sensibilización a través da música, impartidos pola música e docente Branca Villares no CPI Plurilingüe de Navia de Suarna. O segundo obradoiro realizarase o luns 11 de novembro no CPI Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel, e o terceiro terá lugar o martes 18 de novembro no IES Enrique Muruais da Pontenova.
O martes 12 de novembro presentarase a implantación dun novo Punto Violeta na sede de UGT Lugo, unha iniciativa que busca implicar aos espazos laborais e sociais na detección e apoio ás mulleres ante situacións de violencia.
O domingo 17 de novembro celebrarase a xornada “Violencias Machistas: avances en procedemento xudicial. As valoracións forenses do IMELGA”, coa participación de Sandra Piñeiro Vilas, presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, e dun médico forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia, que analizarán a evolución na atención xudicial ás vítimas e o papel das valoracións forenses.
O xoves 21 de novembro colocarase a tradicional pancarta institucional do 25N na fachada principal da Subdelegación do Goberno.
O propio 25 de novembro terá lugar o acto central, coa lectura da declaración institucional, a colocación de flores e un homenaxe ás vítimas de violencia machista asasinadas neste ano 2025, un xesto de memoria e compromiso que simboliza a unidade de toda a sociedade ante esta crúa realidade.
A programación pecharase o venres 28 de novembro, coa presentación de novos Puntos Violetas xunto ao Colexio Oficial de Farmacéuticos de Lugo, reforzando así a rede de colaboración e acompañamento a posibles vítimas nos espazos de atención cidadá.
“Queremos que cada actividade sexa un espazo de reflexión e de aprendizaxe colectiva. A educación é a base da igualdade, e por iso apostamos por accións que chegan á mocidade, á cidadanía e ás entidades sociais”, concluíu López.
Minuto de silencio en memoria de Ainhoa
Esta mesma mañá, tamén se gardou un minuto de silencio en memoria de Ainhoa, a moza de 19 anos asasinada por violencia de xénero en Murcia o pasado 26 de outubro, nunha concentración presidida por Olimpia López e á que asistiron autoridades locais, representantes das forzas e corpos de seguridade, e persoal da Administración Xeral do Estado.
A subdelegada expresou a súa máis firme condena ante este novo crime machista e reiterou o chamamento á unidade institucional e social “para erradicar esta violencia estrutural que atenta contra os dereitos e a dignidade das mulleres”.
O Ministerio de Igualdade, a través da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, lembra que o teléfono 016, o correo 016-online@igualdad.gob.es, o canle de WhatsApp no número 600 000 016 e o chat online accesible na web violenciagenero.igualdad.gob.es funcionan as 24 horas do día, todos os días do ano.