A nova subdelegada reúnese na Deputación para avanzar na coordinacion institucional

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O obxectivo desta primeira xuntanza é seguir impulsando proxectos estratéxicos para a provincia
olimpia-e-roca-reunion
30 Sep 2025

A subdelegada en Lugo, Olimpia López, mantivo hoxe a súa primeira reunión oficial co presidente da Deputación, José Tomé, nun encontro celebrado no Pazo de San Marcos que serviu para inaugurar unha nova etapa de cooperación institucional en beneficio da provincia. Ambas autoridades coincidiron en que a colaboración leal e a coordinación permanente entre administracións son a mellor garantía para dar resposta ás demandas da cidadanía e facer avanzar Lugo con proxectos sólidos e con futuro.

López destacou que o Goberno de España e a Deputación de Lugo veñen demostrando que o traballo conxunto dá froitos concretos e puxo como exemplo a posta en marcha do Centro de Innovación Territorial, un proxecto estratéxico que mobiliza máis de 850.000 euros ata 2029 e que situará a provincia na rede estatal de espazos orientados á dinamización do rural, á creación de emprego e á retención de poboación. “Cando as institucións sumamos forzas, a provincia gaña oportunidades e abre camiños que doutro xeito serían imposibles”, subliñou a subdelegada.

O presidente da Deputación, José Tomé, agradeceu a visita da subdelegada e salientou a importancia de manter unha interlocución fluída co Goberno para sacar adiante proxectos que melloren a vida da veciñanza, tanto nas cidades como no rural.

Olimpia López recoñeceu o traballo constante do presidente provincial e do seu equipo, así como a súa capacidade para facer realidade proxectos que transforman o territorio, e ofreceu a máxima colaboración da Subdelegación do Goberno para seguir avanzando en actuacións conxuntas. A subdelegada puxo especial énfase na necesidade de atender ás persoas e aos concellos máis pequenos, lembrando que a cooperación interadministrativa é esencial para afrontar o reto demográfico e asegurar a igualdade de oportunidades en todo o territorio.

O encontro rematou cun compromiso firme de manter unha canle estable de diálogo e coordinación que permita priorizar proxectos, optimizar recursos e garantir que Lugo continúe avanzando cunha folla de ruta compartida entre o Goberno de España e a Deputación Provincial.

⚙ Configurar cookies
0.098062038421631