A nova zona de baño de Lugo, á espera do permiso da Xunta
O Concello de Lugo trasladou á Xunta de Galicia do informe realizado sobre a presenza de mexillóns na contorna do Miño na que o Executivo de Paula Alvarellos pretende habilitar dous puntos de acceso ao río para favorecer a entrada e saída á auga de bañistas con maior comodidade e seguridade. As prospeccións, realizadas pola consultora medioambiental Biosfera, permitiron comprobar a existencia de dúas localizacións nas que se rexistra unha baixa densidade de moluscos.
Estes puntos estarían a escasos metros dos inicialmente sinalados na proposta municipal, en torno a 5 metros arriba, no caso da rampla situada augas arriba, e a 10 metros augas abaixo para a situada augas abaixo. Nestas novas localizacións e segundo reflicte o mostreo exhaustivo que se realizou, se contabilizou o número de exemplares e se determinou que sería necesario traladar un total de 239 unidades, 204 da especie P. Littoralis e 35 da U. Delphinus.
Precisamente, as dimensións tan reducidas da colonia permitiría relocalizalos, nun curto espazo de tempo, nas proximidades das ramplas nalgúns dos núcleos presentes, ben augas abaixo da antiga EDAR, ben nalgunha das zonas sinaladas xa pola empresa no informe que elaborou en 2023. Estes tramos terían unha capacidade de acollida de 50.000 P. Littoralis e duns 25.000 da U. Delphinus, polo que como sinala a propia empresa, a traslocación de 239 náiades non saturaría a capacidade máxima de acollida que ofrecen estes treitos.
Igualmente, proponse balizar con mortos, boias e cordas unha zona acotada na marxe esquerda do río, que presenta menor profundidade, para protexer a estas especies do trasego de bañistas e minimizar, ao mesmo tempo, o risco de feridas ou rabuñaduras para as e os usuarios. O Executivo de Paula Alvarellos ideou esta primavera a posibilidade de instalar as dúas ramplas como unha solución provisional coa que acadar un acceso máis cómodo e seguro ao río ata que se concrete a zona de baño definitiva, na que se segue a traballar.
Pasarelas ata setembro
A propia rexedora obtiña, nunha pasada reunión coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o compromiso do órgano autonómico de autorizar con celeridade ditas pasarelas, en caso de determinar que non provocan afección ambiental. Unha vez rematado o estudo e á vista de que se confirma que existen opcións respectuosas coa protección da fauna e da flora e compatibles con esta prioridade, desde o Goberno local agardan que a Xunta conceda canto antes os permisos.
As ramplas, que se manterán habilitadas ata mediados de setembro, son de PVC, un material máis resistente que a madeira e que evita lesións por estelas, ademais de ser antiescorregadizo. Están dotadas de varandas unidas con cordas náuticas de nylon marítimo, e cun sistema de amarre de seguridade para a poboación, que non implicará a modificación ou a afectación do leito do río, precisamente para evitar calquera afección ecolóxica. De xeito simultáneo, dende a área de Transición Ecolóxica tamén se avanza en ter a punto o mobiliario urbano e os aseos e vestiarios que darán servizo a este espazo que ademais conta cun parque infantil nas proximidades.