A obra de humanización da Avenida de Madrid inclúe a plantación de máis dun centenar de árbores

O Concello de Lugo vén de iniciar unha nova intervención de mellora ambiental e paisaxística na avenida de Madrid, un dos principais accesos á cidade. A actuación, enmarcada no Eixo de Infraestrutura Verde da área de Transición Ecolóxica, ten como obxectivo avanzar na estratexia de humanización dos espazos públicos e reforzar a súa adaptación ao cambio climático mediante a plantación de máis de cen árbores e a renovación integral das zonas axardinadas.
En total, plantaranse 114 árbores de gran porte, entre elas especies como o Liriodendron tulipifera (árbore dos tulipáns), Liquidambar styraciflua (líquidambar), Acer x freemanii (arce vermello híbrido), Gleditsia triacanthos ‘Sunburst’ (acacia dourada), Fagus sylvatica (faia europea) e Ilex aquifolium (acevo). Estas novas plantacións completaranse con máis de 500 metros cadrados de arbustos e cubresolos distribuídos entre a avenida Xosé Castiñeira e a rotonda da Filarmónica Lucense, formando un corredor arbóreo continuo desde o cinto verde ata o centro histórico.
Os traballos inclúen a reparación e ampliación do sistema de rego automático, a sementeira de céspede e a mellora das medianas e rotondas, cun tapizado de especies ornamentais como Azalea indica (azalea), Tulbaghia violacea (allo ornamental), Verbena bonariensis (verbena de Buenos Aires) ou Parrotia persica Vanessa (árbore de ferro persa). En conxunto, a actuación abrangue catro tramos principais de medianas e tres rotondas, cunha superficie superior aos 3.000 metros cadrados.
O alcalde, Miguel Fernández, destacou que “esta intervención supón un paso decisivo na creación dunha paisaxe urbana máis acolledora, sostible e esteticamente atractiva, transformando unha das avenidas máis emblemáticas da cidade nunha verdadeira porta verde de benvida”. Fernández subliñou tamén que o proxecto “mellorará a resiliencia urbana, reducindo o efecto illa de calor e aumentando a sombra e o confort térmico nas zonas de tránsito”.
Segundo explicou o rexedor, “a cuberta vexetal permitirá incrementar a capacidade de absorción de CO₂ e mellorar a calidade do aire, contribuíndo tamén á regulación térmica e á conservación do solo”. Fernández engadiu que “o verde é a mellor ferramenta para adaptarnos ao cambio climático: as árbores reteñen auga, regulan a temperatura e crean espazos máis confortables”.
O Concello considera esta actuación un exemplo de como o coidado da paisaxe urbana pode converterse nunha política activa de sustentabilidade. “Queremos que as entradas da cidade reflictan o carácter verde, acolledor e comprometido de Lugo”, concluíu o alcalde.