A oficina móbil de retorno chega a Palas de Rei para apoiar a emigración retornada

A Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia traerá a Oficina Móbil de Retorno a Palas de Rei o próximo xoves 17 de xullo. Esta iniciativa pretende brindar apoio ás persoas galegas que regresan tras un período no exterior, facilitando o seu proceso de adaptación á vida en Galicia.
Trátase dun recurso innovador e itinerante que complementa as oficinas permanentes xa existentes, ofrecendo un punto de atención presencial para prestar información, asesoramento e xestión de trámites vinculados ao retorno. Entre os servizos que ofrece destacan o asesoramento personalizado, información sobre programas de retorno, orientación laboral e profesional, así como apoio en cuestións relacionadas coa vivenda e a educación.
Con esta oficina móbil, a Xunta busca atender as necesidades e demandas específicas das persoas emigrantes retornadas e das súas familias, favorecendo así unha integración máis efectiva e completa.