A organización decidirá sobre a colocación do feiral e o PP pregunta polas barracas do San Froilán

LugoXa
O PP pregunta que vai a facer coa licitación das barracas do San Froilán e Cultural anuncia que busca o consenso para decidir sobre o feiral.
barracas san froilan
24 Ago 2021

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que buscará o consenso da Comisión de Festas para decidir sobre a volta do recinto feiral de cara ao San Froilán 2021. “Trátase dunha decisión importante para o desenvolvemento do San Froilán deste ano que queremos acordar con todos os grupos da corporación”, explicou a edil de Cultura.

“O San Froilán do ano pasado foi un exemplo de como levar a cultura ás rúas nun momento complicado da pandemia”, explicou a edil de Cultura, que afirmou “este ano traballamos con distintos formatos para poder levar adiante esta edición do San Froilán segundo vaia avanzando a situación sanitaria,  co obxectivo de garantir en todo momento o cumprimento das medidas de prevención, mantendo viva a gran festa do outono galego".

A xuntanza da comisión de festas realizarase á volta do verán. A comisión de festas está composta por 8 integrantes, 3 do grupo municipal Socialista, 2 do Popular, 2 do Bloque Nacionalista Galego e 1 en representación de Ciudadanos, ademais do xefe de Servizo de Cultura, que actúa como secretario da Comisión.

PARTIDO POPULAR

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Sagrario Sánchez, pregunta ao goberno local se xa teñen pensado licitar a contratación das barracas para o San Froilán, xa que, no caso de que “este goberno o teña a ben o prazo para poder licitalo en tempo e forma esgótase”.

A concelleira popular sinala que son moitos os barraquistas que están agardando a que o Concello de Lugo se decida a sacar a contratación estes postos, xa que “despois de dous anos moi complicados poden volver a traballar e é o que están desexando”. A popular sinala que xa que o goberno local sacou a concurso as casetas do polbo, podería facer o mesmo coas barracas, sempre cumprindo cos protocolos establecidos polas autoridades sanitarias.

Sagrario Sánchez sinala que segundo os protocolos establecidos pola Xunta as atraccións de feira poden realizar o seu traballo cumprindo unhas normas:

  • En espazos comúns de tránsito: unha persoa cada tres metros cadrados
  • Puntos diferenciados de entrada e saída
  • Non se permiten as piscinas de bolas
  • Os asistentes e o persoal das atracción deberán portar máscara de maneira obrigatoria
  • Atraccións con asentos incorporados: 50% de asentos cada fila agás no caso de persoas convivintes (sempre que non se poida manter a distancia de seguridade)
  • Atracción sen asentos incorporados: 30% da capacidade máxima da atracción
  • Atraccións inchables: 50% da súa capacidade

Explica Sagrario Sánchez que estas normas aplícanse aos concellos nunha situación sanitario en nivel medio ou alto, polo que “en función da situación na que nos atopemos se poderán aplicar unhas restriccións ou outras, pero non é menos certo que dende o Concello de Lugo se debería traballar neste sentido para facilitar o seu traballo”.

Por último, a concelleira popular explica que os barraquistas están nerviosos por saber se poderán traballar ou non nas vindeiras patronais, pero tamén moitos lucenses, que queren saber se haberá atraccións.

0.19097900390625