A Orquestra Sinfónica de Galicia actúa o venres dentro do programa da Filarmónica

LugoXa
Este venres, 27 de outubro, a Sociedade Filarmónica de Lugo continuará coa súa tempada de concertos número 77; tempadas que veñen sucedendo de forma ininterrumpida dende o ano 1947, alcanzando xa máis de 720 concertos cos máis recoñecidos músicos e agrupacións de todo o mundo.
concerto orquestra sinfonica galicia portada
26 Oct 2023

Este venres, 27 de outubro, a Sociedade Filarmónica de Lugo continuará coa súa tempada de concertos número 77; tempadas que veñen sucedendo de forma ininterrumpida dende o ano 1947, alcanzando xa máis de 720 concertos cos máis recoñecidos músicos e agrupacións de todo o mundo. Trece concertos programados de outubro a maio con orquestras, solistas e agrupacións de cámara de primeira fila que traerán á nosa cidade a mellor música.

Abriuse a tempada coa Real Filharmonía de Galicia, dirixida pola portuguesa Joana Carneiro, e nesta ocasión será a Orquestra Sinfónica de Galicia a que interpretará os dous concertos para piano de Frederic Chopin, xunto co pianista e director canario Iván Martín, no mesmo escenario.

Todos os concertos do ciclo serán no Círculo das Artes de Lugo ás 20:00 h.

As persoas interesadas en adquirir o abono de tempada ou facerse socias da Sociedad Filarmónica pódeno facer escribindo ao correo electrónico filarmonicadelugo@gmail.com. As entradas para non socios, para os concertos soltos, poderanse adquirir o mesmo día da actuación nas oficinas do Círculo das Artes. Tamén haberá entradas para estudantes a prezo moi reducido e entrada de balde para menores de idade e estudantes do Conservatorio.

OS ARTISTAS

Iván Martín, piano e dirección

Nado nas Palmas de Gran Canaria (1978), Iván Martín é neste momento recoñecido pola crítica e o público internacional como un dos músicos máis brillantes da súa xeración.

Colabora con practicamente a totalidade das orquestras españolas, así como coa Orquestra Filharmónica de Londres, Berliner Konzerthausorchester, Orquestra de París, Virtuosos de Praga, Orquestra Filharmónica de Helsinki, Orquestra Filharmónica de Zagreb, Polish Chamber Orchestra, Orquestra Sinfónica de Monterey (EUA), Orquestra Sinfónica de São Paulo, Orquestra Sinfónica de Santiago de Chile e Orquestra Mundial de Xuventudes Musicais, entre outras.

Foi repetidamente invitado a participar en marcos tan destacados como o New York International Keyboard Festival (EUA), Orford International Music Festival (Canadá), Festival International La Roque d’Anthéron (Francia), Festival Mozart Box (Italia), Festival Internacional de Grandes Pianistas (Chile), Festival Internacional Cervantino (México), Festival Internacional de Macao (China), Festival Internacional de Música e Danza de Granada (España), Festival Internacional de Música de Peralada (España) ou Festival de Música de Canarias (España), visitando as salas de concerto máis prestixiosas do Mundo como son Berliner Konzerthaus, Berliner Staatsoper, Berliner Philharmonie, Dortmund Konzerthaus, Amsterdam Concertgebouw, Salle Pleyel de París, Carnegie Hall de Nova York ou Beijing National Center for Performing Arts. Colabora tamén con Patrimonio Nacional de España, ofrecendo concertos nos Reais Sitios.

Protagonizou estreas sendo dedicatorio de obras de compositores como Joan Albert Amargós, Benet Casablancas, Antón García Abril, Cristóbal Halffter, Pilar Jurado, Ramón Paus, e recentemente estreou os concertos para piano e orquestra de Enric Palomar ou Michael Nyman. Debutou como director xunto a orquestras como a Real Filharmonía de Galicia, Sinfónica de Castela e León, Sinfónica de Galicia, Sinfónica de Baleares, Filharmónica de Gran Canaria e Orquestra Nacional de España, e é o fundador e director musical de Galdós Ensemble, un novo e versátil grupo orquestral co fin de interpretar música do período barroco e do clasicismo, así como tamén música moderna y contemporánea.

Os concertos para piano de Frédéric Chopin

Chopin escribiu os seus dous únicos concertos para piano case ao mesmo tempo, en 1829 e 1830, cando apenas tiña 20 anos. O concerto en fa menor leva o número dous pero foi o primeiro que compuxo, no inverno de 1829 e poucos meses despois verá a luz o segundo, en mi menor, e que leva o número 1 ao ser editado en primeiro lugar.

Compostos pouco antes de abandonar Varsovia camiño a Viena por segunda vez, se cadra respondan á necesidade do xa afamado pianista de dispor de obras propias para os seus concertos con orquestra nas que poida lucir o seu virtuosismo e a súa capacidade improvisadora.

De estrutura clásica en tres movementos, a estrea do nº 2 tivo lugar o 17 de marzo de 1830. Chopin alugou para iso o Teatro Nacional de Varsovia e tres días antes da estrea inundouno a alegría cando se decatou de que todas as localidades estaban vendidas.

A acollida foi calorosa, por parte do público e da crítica, a tal punto que cinco días máis tarde viuse obrigado a ofrecer un segundo concerto, coa sala abarrotada novamente. O segundo movemento, larghetto, escoitado por segunda vez, produciu un grande efecto. Pero Chopin non colleu fumes. Escribe a un amigo: "En todas as partes me falan do adagio... aínda que non improvisei como desexaba... Pídenme que faga gravar o meu retrato e o difunda entre o público. Opóñome, porque sería demasiado...” Tras este concerto Chopin xa foi aclamado como un heroe nacional.

O número 1 foi estreado o 11 de outubro de 1830, tamén no Teatro Nacional de Varsovia, co compositor como solista durante un dos concertos de "despedida", antes de que Chopin abandonase Polonia.

Poucos compositores alcanzaron a fama tan cedo. Chopin xa era unha celebridade cando se mudou a París á idade de vinte e un anos, deixando atrás a súa Polonia natal. Tres meses despois da chegada de Chopin, Robert Schumann escribiu unha recensión das variacións recentemente publicadas por Chopin sobre Là ci darem la mano de Mozart que incluía a frase agora famosa, "Quito o sombreiro, cabaleiros, un xenio!" e Chopin aínda non tocara unha soa nota para o público parisiense.

Utilizou, outra vez, o seu Concerto nº 2 no seu primeiro concerto en París, o 26 de febreiro de 1832, atraendo ao mesmo ao máis selecto da escena musical. Tanto Liszt como Mendelssohn achábanse entre o público e non escatimaron os seus eloxios.

A reputación de Chopin como pianista baseouse en só trinta ou corenta concertos. Hoxe sería considerado un desastre en mercadotecnia: desdeñou todas as formalidades do mundo do concerto; non viu a necesidade de carteis ou programas de man, e non lle gustaba tocar para grandes multitudes e en grandes salas de concertos. Unha vez que se estableceu en París, Chopin rara vez se presentou en público máis de dúas veces ao ano; a pesar de, ou se cadra por iso, a súa fama só parecía crecer. É difícil imaxinar o impacto do pianismo de Chopin dende os comentarios que se escribiron nese momento, pero está claro que a súa forma de tocar, coa súa extraordinaria sensibilidade ao tacto e ao color, a dinámica delicadamente sombreada e as flutuacións de tempo inimitables foron únicas.

concerto orquestra sinfonica galicia

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17527318000793