A Orquestra Sinfónica de Galicia protagoniza un concerto dedicado a Mozart no Círculo das Artes de Lugo

LugoXa
O protagonista será Roberto González-Monjas, recoñecido internacionalmente tanto polo seu talento como violinista como polo seu labor como director
Orquestra-Sinfónica-de-Galicia
4 Jun 2025

O Círculo das Artes de Lugo acollerá este venres 6 de xuño, ás 20:00 horas, un concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a dirección de Roberto González-Monjas, que ofrecerá un concerto integramente dedicado á obra do compositor austríaco Wolfgang Amadeus Mozart.

O programa incluirá tres pezas mestras do catálogo mozartiano: o Concerto para violín nº 4 en re maior, K 218, o Rondó en do maior, K 373 e o Concerto para violín nº 5 en La maior, K 219, tamén coñecido como o “Concerto turco”, unha das obras máis celebradas do repertorio clásico para violín.

O protagonista será Roberto González-Monjas, recoñecido internacionalmente tanto polo seu talento como violinista como polo seu labor como director.

Dende setembro de 2023, ocupa o cargo de director musical da Orquestra Sinfónica de Galicia, consolidando unha relación artística que se vén fortalecendo ao longo dos anos. Ademais, González-Monjas é director titular e asesor artístico de Dalasinfoniettan en Suecia, director titular do Musikkollegium Winterthur en Suíza, principal director convidado da Orquestra Nacional Belga e director artístico de Iberacademy en Colombia, unha ampla traxectoria que avala o seu prestixio e visión musical.

Nos últimos anos, a súa carreira como director convidado levouno a colaborar con formacións de gran relevancia como a Mozarteumorchester e a Camerata de Salzburgo, a Mahler Chamber Orchestra, a Orchestre National Bordeaux Aquitaine, a Swedish Radio Symphony Orchestra ou a Baltimore Symphony, entre outras, o que o sitúa como unha das figuras máis destacadas da nova xeración de directores europeos.

Este concerto representa unha ocasión única para o público lucense de gozar en directo dunha interpretación de alto nivel artístico, nun programa que combina virtuosismo e sensibilidade, e que celebra a beleza atemporal da música de Mozart da man dunha das principais orquestras do país.

⚙ Configurar cookies
0.18075799942017