A orquestra Terra Nova dará o primeiro concerto o vindeiro domingo
A orquestra Terra Nova, estréase o día 18 deste mes de decembro cun gran Concerto de Nadal que terá lugar ás 20.00 horas no Círculo das Artes. Esta agrupación nace coa intención de contribuír á formación musical da mocidade ampliando así os seus horizontes artísticos na cidade, .
A entrada será de balde ata completar o aforo aproximado de 300 persoas e terá unha duración aproximada dunha hora. O repertorio incluirá grandes composicións musicais de todos os tempos como O cisne, de Entroido dos animais de C. Saint-Säens; Aria sul G, da Suite Orquestral N.3 de J.S. Bach; Danza dos santos espíritos, de Orfeo e Eurídice de C.W. Gluck e algunha que outra sorpresa.
Dirixida polo prestixioso músico Nicolás Ravelli Barreiro, a orquestra está composta por 37 músicos (20 rapazas e 17 rapaces) de entre 15 e 35 anos de idade e nace con vocación de ser unha formación estable no tempo.
Tanto a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, como o concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto, animan á cidadanía a acudir a este concerto, “que será un impulso para os seus integrantes, todos cun gran talento e grandes profesionais que serán os que no día de mañá asegurarán a continuidade das grandes orquestras instrumentais”.
Este tipo de proxectos complementan a formación que xa se imparte desde a Escola Municipal de Música e a que tamén desenvolven outras agrupacións musicais moi asentadas en Lugo