A pandemia elevou nun 35% o número de usuarios do SAF en Lugo
O Concello de Lugo atendeu o pasado ano a un total de 999 persoas a través do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), unha prestación coa que se lle dá cobertura asistencial á poboación máis vulnerable e con maiores necesidades.
A chegada da pandemia, segundo sinalou a edil responsable, Olga López Racamonde, supuxo un crecemento tanto do número de usuarios como tamén do investimento municipal que implicou pasar dos 736 beneficiarios en 2019 a 999 en 2020, un 35,7 por cento máis. Isto supuxo que tamén aumentase a consignación orzamentaria, con 726.511 euros máis con respecto ao exercicio anterior.
"Se en 2019 o Concello destinou 3.009.643 euros a dar cobertura ao SAF, en 2020 esa cantidade alcanzou os 3.736.154 euros”, abondou a concelleira, ao tempo que atribuíu parte desa suba do 23 por cento a que foi a administración local quen asumiu o custo do servizo extraordinario por covid creado pola Xunta cando esta o suprimiu no último trimestre do ano.
A responsable de Benestar deu conta igualmente de que na actualidade 229 persoas esperan para obter a prestación. “Algunhas delas comezarán a recibila agora ao incrementar a Xunta en 3.769 horas mensuais a bolsa correspondente á dependencia. De feito, 1200 horas xa están asignadas e as 2500 restantes, comprometidas”, engadiu.
A concelleira destacou que “neste momento a tramitación de horas do PAR-SAF ten máxima prioridade, pero temos que respectar a orde de prelación determinada pola lista de agarda”.
O horario de prestación do servizo é de luns a sábado en horario de 07:00 a 22:00 horas, sempre que sexan laborais, e en servizo extraordinario, de 22:00 a 07:00 horas de luns a sábado. Os domingos e os festivos presta servizo as 24 horas.