A patronal da limpeza pide un aprazamento para decidir se acepta a intermediación
Transcorridos 45 días dende o inicio da folga indefinida, das mobilizacións diarias, das múltiples reunións coa administracións e de solicitar unha mediación, a patronal ASPEL pediu ao Consello Galego de Relacións Laborais un aprazamento de 48 horas para decidir se acepta ou non someterse á mediación.
Para a representante da CIG-Servizos, Asunción Castiñeira, con este escrito a patronal estatal "estase rindo de todo o mundo: das traballadoras, do CGRL, das administracións e incluso das persoas afectadas e polas consecuencias da folga".
Castiñeira é moi crítica coa actitude da patronal por secuestrar e negar o dereito á negociación colectiva das traballadoras, mais tamén lamenta o desastroso papel que están a xogar as administracións neste conflito, incapaces de pórlle coto aos abusos empresariais. "A postura de ASPEL, dende o primeiro momento, é dun desprezo total ao sector. Tivemos que pelexar para conseguir que se constituíra a mesa de negociación, porque ASPEL non quería, e agora as traballadoras teñen que realizar un esforzo económico, físico e psicolóxico descomunal, como implica soster unha folga durante mes e medio, para lograr un convenio de condicións dignas e sen que se lle recorten os dereitos xa recoñecidos".
Neste senso, lembra que avanzar nun acordo depende en exclusiva da patronal, porque a proposta da parte social non ten marxe de manobra, xa que se suporía deixar as táboas só 38 euros por enriba do Salario Mínimo Interprofesional. "Seguir na folga é a ferramenta que lle queda ás traballadoras e non imos parar até conseguir un convenio digno. Nin nos imos resignar nin imos ceder", asevera Castiñeira, quen apela ás administracións para que asuman as súas responsabilidades, interveñan no conflito e non abandonen as traballadoras, "reféns dos abusos patronais".
A folga e as mobilizacións continúan
Á espera de que ASPEL responda sobre a mediación, o persoal continúa coas mobilizacións diarias na rúa, os piquetes informativos, recollendo apoios institucionais e facendo quendas de 24 horas na caravana reivindicativa que instalaron hai unha semana diante do edificio da Xunta en Lugo.
Na xornada de hoxe acudirán á sesión plenaria do Concello no que se debaterá unha moción de apoio á súa loita e para a próxima semana un grupo de traballadoras trasladarase até Santiago de Compostela xa que o BNG vai presentar unha iniciativa no Parlamento sobre o conflito no sector da limpeza de Lugo.