A peonalización da Calzada da Ponte Romana conta cun importe de 1.371.748 euros

LugoXa
La obra de peatonalización de la calzada del puente romano de Lugo contará con un presupuesto de 1.371.748 euros.
lara mendez calzada ponte
19 Dec 2021

O proxecto de peonalización da Calzada da Ponte Romana adxudicarase na Xunta de Goberno Local do vindeiro mércores. Será a empresa Ovisa Pavimentos y Obras que execute a obra por un importe de 1.371.748 euros e un prazo de execución de 12 meses.

Segundo a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, esta ambiciosa actuación de rexeneración e recuperación dos traxectos e espazos que van desde a Ponte Romana ata a rúa Santiago a través dun proxecto de peonalización e humanización “dunha das zonas máis fermosas da cidade e de maior riqueza histórica, nos permitirá avanzar no noso obxectivo de que Lugo deixe de vivir de costas ao bastión dun envexable patrimonio natural como é o Miño, contribuíndo a mellorar un dos principais accesos ao río e incrementando a lonxitude das sendas peonís e ciclistas para acceder á zona fluvial”, sinalou.

O ámbito de intervención abarca a explanada diante da Ponte Romana, a rúa Calzada da Ponte, o acceso desde o enlace da Volta da Viña coa N-VI e os ramais de San Lázaro e de acceso á N-VI, aínda que non se actuará no viario que se achega ata as termas porque Patrimonio non o autorizou. Actuarase nun total de 640 metros de lonxitude, que coinciden, en gran parte, co Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX.

Neste senso, a alcaldesa subliñou tamén que “esta actuación, co que se restrinxirá o tráfico rodado para protexer todo o patrimonio, enlaza con outros proxectos como a nova pasarela peonil, que axiña abriremos, ou o paso soterrado baixo a N-VI, intervencións que axudarán a poñer en valor a riqueza natural e histórica desta zona da cidade”.

Este proxecto conlevará, entre outras accións, a peonalización e humanización de todo o percorrido, creación de zonas axardinadas e instalación de mobiliario urbano respectuoso coa contorna patrimonial protexida. Tamén se soterrarán os servizos que estean aéreos: iluminación pública, telefonía e baixa tensión; actuarase na rede de saneamento existente, que se atopa en mal estado e presenta diversas fugas e roturas; mellorarase a iluminación, e demoleranse os pavimentos na totalidade do ámbito de actuación, que serán substituídos por outros máis adecuados para o tráfico peonil e máis respectuosos co ámbito de protección patrimonial.

Ademais, melloraranse os dous 2 pasos inferiores existentes (en Ronda do Carme e na N-VI) – cunha grande complexidade técnica – que se rexenerarán visualmente para darlle un aspecto máis respectuoso ao ser Camiño Primitivo, ademais de proceder a dotalos de maior luz, seguindo criterios de eficiencia enerxética e de xénero.

A obra enmárcase na estratexia DUS, Muramiñae, da Muralla ao Miño, que ten como obxectivo integrar a cidade e o entorno fluvial, rompendo a discontinuidade urbana existente de norte a sur e de este a oeste. Cofinanciada nun 80% con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

0.22427487373352