A peonalización da Praza do Ferrol chega á súa fin coa renovación do mobiliario urbano
A obra de remodelación e peonalización da Praza do Ferrol e a súa contorna, enmarcada dentro do proxecto Corazón Verde, chega á súa fase final coa instalación do mobiliario urbano. Está previsto que a partir da próxima semana comecen os traballos de fixación dos 58 bancos de distintas tipoloxías “deseñados baixo parámetros inclusivos que contribuirán a humanizar este espazo e todo o ámbito do proxecto co obxectivo de favorecer a diversidade de usos”, anunciou a alcaldesa Paula Alvarellos.
En total haberá 42 estruturas colectivas facturadas en madeira e aceiro con respaldo, 9 individuais do mesmo material e 7 de formigón branco, sen suxeición dorsal, que serán instaladas na zona de transición entre a praza e Amor Meilán. Os elementos elixidos tendo en consideración as peticións do colectivo veciñal, así como a súa localización definitiva, responden a criterios técnicos nos que priman catro aspectos fundamentais: a súa funcionalidade, a súa versatilidade, o respecto pola estética do proxecto e a súa capacidade para xerar espazos de socialización interxeracional.
“De feito, o deseño da tipoloxía máis utilizada, 42 unidades dos 58 totais, non só permite o uso por parte persoas con mobilidade reducida, senón que o seu respaldo sobresae nun dos extremos para facilitar o apoio de cadeiras de rodas, o que á súa vez permite compartir espazo con acompañantes ou coidadores”. Así mesmo, a versatilidade destas pezas habilita o apoio nese respaldo de persoas que non poidan ou non se queiran sentar. Ademais, a estrutura de aceiro das patas quedan debaixo da superficie de sentado evitando así posibles tropezos”, explicou a rexedora.
Complementando este modelo, instalaranse outros 9 bancos individuais ensamblados cos mesmo materiais e a mesma liña estética para harmonizar coa contorna. Cinco deles non terán suxeición dorsal mentres que os catro restantes contarán con respaldo. O novo mobiliario público da praza complétase con outros sete bancos construídos en bloque de formigón branco que se colocarán en zonas de transición para protexer o desnivel entre a Praza e a rúa Amor Meilán e que permiten ademais un uso máis versátil nunha zona de paso.
A localización elixida ten por obxectivo xerar áreas de estancia que favorezan a socialización e que á vez non impidan o transito de vehículos de emerxencia ou servizos especiais. Ademais, o factor climatolóxico foi moi tido en conta polas persoas técnicas. Deste xeito, unha porcentaxe destes elementos serán fixados en zonas de sombra xeradas polo arboredo co obxectivo de atenuar as altas temperaturas durante o período estival, mentres que outros se sitúan en zonas que reciben radiación solar durante o inverno.