A piscina de Frigsa acolle aos máis de 100 integrantes dos equipos de natación do Fluvial

A área de Deportes do Concello de Lugo redistribuíu aos máis de 100 integrantes dos equipos de competición do Club Fluvial de Lugo na piscina de Frigsa, garantindo que poidan continuar adestrando de cara ás próximas competicións e campionatos que se celebrarán ao longo desta fin de semana e durante o mes de febreiro. Esta medida foi necesaria tras a suba do río Miño, que anegou gran parte das instalacións do club da Ponte, incluída a piscina cuberta na que adestraban os distintos equipos por categorías.
As xestións implicaron coordinar o uso da piscina municipal entre todos os usuarios, especialmente no horario de tarde, cando a afluencia é maior. Para iso, a actividade deportiva concéntrase nun dos vasos da piscina, compartido cos outros clubs que adestran habitualmente en Frigsa, como Porta Miñá e Waterpolo Lugo. Esta redistribución permitiu que o resto de persoas que utilizan a instalación para o baño libre non se visen afectadas.
Durante esta fin de semana, os equipos lucenses participarán no Campionato Galego alevín en Mos e na segunda xornada da Liga Galega infantil, mentres que nos vindeiros fins de semana disputarán o Campionato Galego júnior-senior, o Galego infantil e a IV Liga Galega benxamín, entre outros torneos.