A pista do Pazo estrea nova imaxe tras os traballos de renovación do parqué

LugoXa
A actuación, cun investimento de 20.000 euros, forma parte do plan de modernización do recinto deportivo, que xa acumula melloras por valor de 2 millóns de euros
pista-do-Pazo-dos-Deportes-Lugo
3 Jul 2025

A pista principal do Pazo dos Deportes de Lugo presenta un aspecto renovado tras as obras de mantemento e mellora realizadas nas últimas dúas semanas.

Os traballos centráronse na restauración do solo de madeira, que foi obxecto de labores de lixado, pulido, vernizado e pintado, devolvéndolle a súa estética orixinal cun novo deseño que destaca as distintas zonas deportivas mediante o uso de tonalidades diferenciadas. Como detalle destacado, o perímetro da cancha foi personalizado co nome “O Pazo”.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, comprobou o avance das obras acompañado polo director xeral do CB Breogán, Salva Arco, e pola team manager do Ensino, Cata Pollini.

Castro explicou que a actuación responde ás recomendacións técnicas de empresas especializadas, que advertiron do valor da madeira orixinal da pista, xa inexistente no mercado actual. “Seguindo esas indicacións, realizamos unha intervención en profundidade que tamén nos permitiu modernizar a imaxe do parqué”, sinalou.

O investimento para esta actuación ascende a 20.000 euros e completarase nos vindeiros días coa colocación da publicidade dos clubs locais e a aplicación de novas capas de vernizado e acabado para garantir a durabilidade dos tratamentos realizados.

Esta intervención enmárcase nun plan máis amplo de mellora do Pazo e do seu recinto anexo, impulsado pola Vicepresidencia da Deputación nos últimos tres anos. O conxunto de actuacións xa executadas, en execución ou licitadas, suma un investimento global de 2 millóns de euros.

Entre as obras máis recentes figura a instalación dun novo videomarcador no Pazo dos Deportes, cun orzamento de 267.000 euros, que permitirá a proxección de contidos multimedia e mellorará a experiencia dos asistentes aos eventos deportivos.

Así mesmo, avanzan os traballos de rehabilitación integral da cuberta do edificio, iniciados o pasado mes de maio, que suporán a impermeabilización de 8.500 metros cadrados mediante unha membrana de poliurea, cun investimento de 600.000 euros.

⚙ Configurar cookies
0.21140599250793