A planta de Altri en Palas precisará 1,2 millóns de m3 de madeira de eucalipto ao ano
A sede de Lugomadera recibiu a visita de representantes do equipo técnico e directivo de Greenfiber (Altri), quen presentou o proxecto GAMA que a compañía prevé poñer en marcha en Pas de Rei e resolveron as cuestións expostas polas empresas asociadas que participaron no encontro. O director de Altri Forestal, Miguel Silveira, deu resposta ás consultas dos asistentes, co foco posto eminentemente na madeira, como materia prima para a fabricación de fibras solubles para aplicación téxtiles, e Lyocell, unha fibra coa mesma base celulósica elaborada a partir do primeiro produto.
Neste sentido, sinalou que o proceso requirirá anualmente ao redor de 1,2 millóns de m3 de madeira de eucalipto certificada procedente de Galicia. “Fixemos estudos e sabemos que é posible”, aclarou. Tamén indicou que poderá utilizarse no proceso eucalipto tanto da variedade nitens como de globulus, no seu maior parte sen cortiza. “O importante deste proxecto é que pretende crear valor, a través da transformación da madeira, aquí en Galicia. E queremos facelo da man do sector, con empresas e asociacións, creando lazos coas comunidades locais”.
Pola súa banda, Bruno Dapena, director do proxecto, explicou que xa está terminada a fase de enxeñería básica do proxecto, “que foi moi complexa”, e actualmente atópase no proceso administrativo de tramitación ambiental, ademais de estar en fase de solicitude e tramitación de axudas públicas, indispensables para a viabilidade do proxecto. O director do proxecto GAMA explicou, neste sentido, que está en contacto tanto co Goberno central como coa Xunta de Galicia e que ambas as administracións entenden a importancia que ten esta iniciativa para Galicia e para España.
“Trátase dun proxecto que mira cara ao futuro, tendo en conta o compromiso crecente do sector téxtil con este tipo de fibras e coa reciclaxe téxtil, que se ten intención de integrar no proceso produtivo nunha fase posterior do proxecto”. Pola súa banda, Nuria Rodríguez, xerente de Lugomadera, concluíu a xornada asegurando que é algo “necesario para o sector forestal da provincia de Lugo. Así que iremos da man nesta iniciativa”.