A planta de Coeses afectará á saúde dos lucenses según Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde

LugoXa
O colectivo manifesta a súa oposición á instalación da planta e apoia a manifestación convocada polos veciños
Reunión-Informativa-Planta-Coeses
20 Jun 2024

Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde manifesta a súa oposición á instalación da planta de biometano en Coeses que estragaría o valioso patrimonio natural e paisaxístico e a calidade de vida que aínda se pode desfrutar nas parroquias da zona. Concretamente en Coeses, Soñar, Piugos, Santa Comba, Conturiz, San Mamede ou Cuiña onde se trocaría o pequeno paraíso por un territorio insalubre con cheiros fedorentos e aire e augas contaminadas.

Animan a tódolos veciños de Lugo, localidades próximas, e a toda a cidadanía a informarse e presentar alegacións nos prazo establecido, que rematará o 10 de xullo. Tamén apoian a manifestación convocada polos veciños das parroquias máis afectadas que terá lugar en Lugo este xoves 20 de xuño, e que sairá as 20.30 horas dende o edificio da Xunta

“Na mesma liña que as burbullas das macrorenovables solares e eólicas, e paralelamente aos proxectos verdes de Hidróxeno e minería a ceo aberto, as macroplantas de biometano chegan ás nosas terras cos mellores traxes de greenwashing. Chegan dopados polo maná das subvencións europeas para converter a nosa provincia nun estercoleiro, unha neocolonia da UE baleirada da súa poboación”, aseguran.

O proxecto de Coeses é “só o comezo dunha onda á que deben reaccionar os cidadáns responsables. Hai que parar ese dano irreversible por nós, e polos nosos fillos e fillas e polas nosas netas e netos”. Piden renaturalizar, descontaminar, restaurar e respectar a Natureza e o Patrimonio Natural, mellorar e non estragar a vida no rural e na cidade. O nivel de contaminación da auga na zona no só non se debe empeorar senón que urxe melloralo, pois xa se atopa en niveis que, de aumentarse, deixarían os pozos sen servicio.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático someteu o pasado 12 de abril a información pública o estudo de impacto ambiental desta planta de xestión e biometanización de residuos orgánicos da empresa Bioenergía Lugo. Dende o colectivo consideran que un proxecto deste tipo supón un ataque ambiental e un insulto aos veciños da zona e seguirán analizando detidamente e con expertos a situación e documentación.

A menos de 2 quilómetros do Miño

A planta iría a menos de 1,5 quilómetros do río Miño e, polo tanto, na Reserva da Biosfera Terras do Miño, considerada Espazo Natural Protexido (E.N.P.) baixo a categoría de Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN). “Non se entende como o proxecto puido ser declarado iniciativa empresarial prioritaria pola Xunta, que permite simplificar os trámites ante as distintas administracións implicadas”. Ecoloxistas Galiza AV denuncia que prexudicará irremediablemente na zona de implantación, nas zonas limítrofes e máis.

Aseguran que a propia empresa recoñece que emitirá gases contaminantes e contaminará e que realizará o vertido de milleiros de litros de augas residuais ao rego de Vilalbite con posterior desaugadoiro ao río Miño, considerado Rede Natura 2000 e do que toda a cidade bebe. As vivendas da zona e da cidade de Lugo tamén se verán afectadas polos malos cheiros e pola contaminación derivada dos gases expulsados polas chemineas previstas. ´

Sinalan ademais que, no proxecto básico presentado pola empresa, publicado pola Xunta, aparece unha cheminea que terá 10 metros de altura. O vertido de augas residuais da planta, en caso de accidente, podería contaminar irremediablemente os acuíferos e pozos da zona. Tal e como se publica no EIA, liberarán auga durante as 24 horas e os 365 días do ano.

Por outra banda, o proxecto prevé instalar unha bengala para queimar os restos sobrantes non recuperables. Deste xeito, o colectivo emitiu un informe ao  Concello de Lugo, a CHMS e a Consellería de Medio Ambiente para sinalar a afección severa do proxecto industrial aos núcleos de poboación e ás vivendas das familias, aos chans e aos recursos hídricos e a descontextualización do patrimonio arqueolóxico e cultural.

Ademais, tendo en conta que as vivendas máis próximas sitúanse a poucos metros, que hai parroquias poboadas nos arredores e que a cidade de Lugo está situada a menos de 5 quilómetros ao norte, “tería uns efectos na saúde das persoas, na calidade de vida, na paisaxe, na calidade de auga e do aire que, entendemos, ningunha institución responsable, debería avalar”.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18264293670654