A planta GAMA de Altri en Palas de Rei sitúa Galicia como referente europeo en fibras biodegradables e reciclaxe téxtil

LugoXa
Segundo o director de I+D da compañía, Gabriel Sousa, “o sector da moda demanda fibras biodegradables e o proxecto GAMA sitúa a Galicia como referente europeo"
fabricacion-de-cosas-Altri
5 Jun 2025

Galicia colócase na vangarda da industria téxtil sostible coa posta en marcha da planta GAMA en Palas de Rei, promovida por Altri a través da súa filial Greenfiber. Segundo o director de I+D da compañía, Gabriel Sousa, “o sector da moda demanda fibras biodegradables e o proxecto GAMA sitúa a Galicia como referente europeo na súa produción a escala industrial”.

Na planta fabricaranse dúas fibras baseadas en celulosa de madeira de eucalipto: a fibra soluble e o Lyocell. Das 250.000 toneladas anuais que se producirán, 60.000 transformaranse na propia instalación en Lyocell, mentres que as 190.000 restantes irán dirixidas a outros operadores do sector. Ambas son 100% biodegradables e reciclables, un feito que reforza a sustentabilidade do proxecto.

Nunha segunda fase, a planta contará cunha unidade de reciclaxe téxtil, un ámbito onde aínda non existen exemplos a escala industrial en Europa. “A existencia dunha planta como GAMA é clave para avanzar en reciclaxe téxtil, un paso imprescindible para a circularidade da moda”, sinala Sousa.

O Lyocell producido en GAMA será destinado á fabricación de fíos e tecidos que poderán ser usados tanto en roupa como en produtos do fogar ou aplicacións técnicas. Pola súa banda, a fibra soluble terá tres destinos principais: fabricantes de fibras como viscosa ou acetato; produtores de tecido non tecido para uso sanitario ou doméstico; e fabricantes de filamento de Lyocell de calidade superior, semellante á seda.

Sousa tamén destaca que este proceso nada ten que ver coa fabricación de papel. “Traballamos con celulosa case pura, excluíndo lignina e hemicelulosa, e empregamos branqueantes baseados en osíxeno, sen compostos de cloro, o que reduce as emisións”, explica. “A transformación de fibra de madeira en materiais como o Lyocell require tecnoloxía avanzada e coñecemento químico, moi diferente ao proceso papelero”, conclúe.

⚙ Configurar cookies
0.17383694648743