A Plataforma da Zona Norte reclama culminar o Plan Paradai

A Plataforma pola Defensa da Zona Norte, que integra diferentes asociacións veciñais e colectivos sociais vinculados á Federación de Asociacións de Veciños “Lucus Augusti”, reivindica a necesidade de completar o Plan Paradai na cidade de Lugo, un proxecto que, segundo denuncian, leva case tres décadas á espera de ser rematado.
O movemento cidadán lembra que, a comezos do verán, promoveu unha mobilización multitudinaria para demandar melloras na rúa Serra de Meira, actuación que finalmente ten visos de executarse, o que consideran un paso relevante aínda que insuficiente.
A plataforma sinala que segue pendente un dos puntos clave do plan: a intervención na Calzada das Gándaras, vía que constitúe o principal acceso ao barrio das Gándaras e que soporta un elevado volume de tráfico.
Os colectivos sosteñen que o estado da vía fai necesaria unha actuación urxente e reclaman á Xunta de Galicia que redacte o proxecto de mellora e inclúa as partidas precisas no orzamento autonómico para afrontar esta intervención.
Defenden que completar o Plan Paradai é indispensable para garantir unha conexión axeitada, mellorar a mobilidade e responder ás demandas históricas da veciñanza da zona norte lucense.