A Plataforma de Veciños contra a Planta de Biometano de Lugo mantén a presión sobre o proxecto

LugoXa
O colectivo veciñal continúa loitando polo afastamento das instalacións das vivendas e pola creación dunha normativa autonómica específica
non-á-planta-de-biometano-en-Coeses-Lugo
28 Jun 2025

A Plataforma de Veciños contra a Planta de Biometano de Lugo continúa coa súa campaña de protesta contra o proxecto dunha planta de biometano na parroquia de Coeses, promovido pola empresa Bioenergía Lugo S.L.

Desde a plataforma sinalan que están á expectativa dos próximos pasos que poida dar a empresa, por se fose necesario convocar unha nova manifestación en Lugo.

Así mesmo, lembran que están agardando as modificacións solicitadas na ordenanza municipal medioambiental, entre as que destacan a demanda de establecer unha distancia mínima de 3 km ás vivendas e tamén a necesidade dunha regulación autonómica específica que trate estas e outras cuestións relacionadas con este tipo de instalacións.

Ante estas demandas, non descartan asistir a algún pleno municipal ou do Parlamento de Galicia, ou participar en reunións segundo vaia avanzando o tema.

Por outra banda, a plataforma forma parte dunha rede estatal de colectivos que se opoñen ás macroplantas de biogás, e xa está prevista unha nova manifestación conxunta en Madrid no mes de setembro. Porén, desde a plataforma lucense agardan non ter que acudir a esa convocatoria, no caso de que a empresa promotora desista do proxecto antes desa data.

⚙ Configurar cookies
0.20194506645203