A Plataforma en Defensa da Zona Norte de Lugo alerta do atraso nas obras do Centro de Saúde da Milagrosa

A Plataforma en Defensa da Zona Norte de Lugo, que agrupa os barrios de Garabolos, A Piringalla, A Milagrosa, Paradai, Barrio Feijoo, O Castiñeiro e Casas, manifestou a súa preocupación polo atraso das obras de dous servizos fundamentais: o Centro de Saúde da Milagrosa, na Rúa Río Ser, e a Residencia de Maiores da Milagrosa, na rúa Poeta Curros Enríquez.
Desde o peche do centro de saúde en xuño de 2024, miles de veciños ven obrigados a desprazarse ata o Centro de Saúde da Residencia para recibir atención sanitaria. O que se presentou como unha medida temporal converteuse nun atraso excesivamente prolongado, deixando un barrio densamente poboado sen un servizo básico esencial.
As visitas realizadas pola plataforma nas últimas semanas constatan un avance de obra claramente insuficiente, con presenza mínima de operarios, escasa actividade no interior e exterior do edificio, e un ritmo moi inferior aos compromisos públicos adquiridos. Ademais, o vallado perimetral ocupa gran parte do espazo dispoñible, agravando a escaseza de aparcamento e dificultando a mobilidade diaria de residentes e comerciantes.
A situación é especialmente grave para persoas maiores ou con mobilidade reducida, que deben desprazarse a outro barrio para acudir ao médico, asumindo gastos adicionais en transporte privado ou taxis.
A residencia de maiores tamén presenta un ritmo de obras inferior ao esperado, xenerando molestias constantes aos residentes por ruídos, cortes e dificultades de acceso, sen que se perciba un progreso acorde co tempo transcorrido.
A Plataforma demanda á Xunta de Galicia transparencia inmediata sobre o estado das obras, un calendario público actualizado, reforzo de recursos humanos e materiais, e medidas compensatorias para os veciños afectados, lembrando que a cidadanía merece servizos públicos dignos e accesibles, non promesas sen cumprir.