A Plataforma Feminista de Lugo convoca outra manifestación do 8M para este domingo

A Plataforma Feminista de Lugo convocou á cidadanía a participar na manifestación do Día Internacional da Muller, que terá lugar este domingo 8 de marzo na cidade. A mobilización celebrarase este ano baixo o lema “Non nos conformamos, resistimos e medramos”, unha consigna coa que o colectivo pretende reflectir as diferentes sensibilidades do movemento feminista e o traballo diario que desenvolven para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Desde a organización sinalan que o actual contexto social e político está marcado pola proliferación de bulos, a desinformación e a ignorancia, situacións que, segundo advirten, están a provocar un retroceso en dereitos e un regreso a tempos escuros en moitos países, incluído o Estado español. Neste sentido, alertan do avance da ultradereita e do aumento de conflitos bélicos que atribúen ao avance de ideoloxías fascistas e a un modelo económico baseado nun capitalismo que cualifican de voraz.
A Plataforma lembra tamén que os dereitos conquistados polas mulleres son froito do sacrificio de millóns de persoas que loitaron durante décadas para acadar avances en igualdade. Ao seu xuízo, ese legado representa unha responsabilidade para continuar a defensa destes dereitos e evitar calquera retroceso. Para o colectivo, a loita feminista non só representa ás mulleres, senón que forma parte esencial da defensa dunha vida digna e xusta para toda a humanidade.
A manifestación partirá ás 12.00 horas desde a explanada do edificio da Xunta de Galicia en Lugo e percorrerá a Ronda da Muralla ata chegar á Praza de Santa María. Unha vez alí terá lugar a lectura do manifesto final do acto.
No evento participarán tres figuras destacadas da sociedade lucense: a cantante Laura Lamontagne, a escritora e directora de cine Carmen Granxeiro e a activista pola loita LGTBIQ+ Cristal Ramírez, que acompañarán á organización na lectura do manifesto.
Desde a Plataforma Feminista fan un chamamento á participación cidadá para encher as rúas da cidade nesta xornada reivindicativa e reafirmar o compromiso coa igualdade e cos dereitos das mulleres.