A Plataforma Feminista de Lugo convoca unha manifestación contra a violencia institucional no 25N

LugoXa
O acto sairá da explanada da Xunta e percorrerá a Ronda da Muralla ata a Praza de Santa María para a lectura do manifesto
Plataforma-Feminista-25N-Lugo
24 Nov 2025

A Plataforma Feminista de Lugo organiza os actos enmarcados no 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Este ano, a entidade céntrase na denuncia da violencia institucional, provocada polos organismos e servizos públicos que, segundo apuntan, perpetúan recortes e privatizacións que se traducen nun servizo deficiente para as usuarias e en condicións laborais precarias para as traballadoras.

A organización destaca especialmente a situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cuxas traballadoras se enfrontan a diario a múltiples situacións violentas e vexatorias no silencio das portas pechadas dos fogares, correndo en moitas ocasións graves riscos, que poden incluso por en perigo as súas vidas, como sucedeu hai uns meses con Teresa, de O Porriño.

Baixo o lema “Nin fronteiras nin portas pechadas. Vivas, libres e organizadas”, convócase a toda a cidadanía á manifestación que terá saída desde a explanada do Edificio da Xunta ás 20.00 horas do martes 25N. O percorrido continuará pola Ronda da Muralla ata a Praza de Santa María, onde se procederá á lectura do manifesto.

⚙ Configurar cookies
0.28715705871582