A Plataforma Feminista de Lugo organiza unha manifestación para o vindeiro luns, 25N
Un ano máis, a Plataforma Feminista de Lugo está a organizar os actos enmarcados no 25N, Día Internacional Contra a Violencia De Xénero.
Baixo o lema ‘Maltrato Institucional = Dobre Violencia Patriarcal', convocan a toda a cidadanía á manifestación que terá a súa saída dende a Praza Horta do Seminario ás 20.00 horas do luns 25N, que percorrerá as rúas Obispo Aguirre, fondo Praza Maior, baixada pola rampa da Catedral, e chegada á Praza De Santa María, onde estará todo preparado para a lectura do manifesto, que este ano contará coa presencia de Dona Pilar García Negro, insigne feminista lucense e recoñecida e premiada escritora e sociolingüista da nosa cidade.
"Este ano quixemos poñer o foco nas múltiples violencias que moitas mulleres sofren unha vez que reunen o valor necesario para dar o paso de denunciar ao seu agresor. Moitas teñen que sufrir en primeira instancia o maltrato institucional. A falta de formación, de sensibilidade, de empatía coa víctima, acaba por facer que ésta desista e se rinda, sentíndose dobremente victimizada e totalmente abandonada á súa sorte, por un sistema incapaz de proporcionarlle un mínimo de axuda ou de xustiza", din.
Así, engaden que "nesta última década, son moitos e abrumadores os casos que nos chegan, con testimonios desgarradores, sobre o trato que reciben as víctimas de violencia de xénero na nosa propia cidade. É urxente e imprescindible poñer o foco en todas estas actuacións, a fin de que dunha vez por todas se doten aos actores cos que se atopan as mulleres denunciantes, coa debida formación específica a fin de evitar un trauma máis á xa terrible situación coa que se achegan".