A Plataforma Feminista Lugo promove accións para o 8M baixo o lema 'Se estamos xuntas, non pasarán'

A Plataforma Feminista Lugo organiza unha serie de actos con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, o 8 de marzo, unha xornada de memoria e loita cuxa orixe se remonta ás mulleres que, a comezos do século XX, se alzaron contra a explotación laboral, a desigualdade e a falta de dereitos básicos.
A organización lembra que, "hoxe máis ca nunca, é fundamental defender os dereitos conquistados e manter viva a loita pola igualdade", motivo polo que este ano o lema elixido para a xornada será 'Se estamos xuntas, non pasarán'.
O acto central será unha manifestación, que partirá, como cada ano, da explanada do Edificio Multiusos da Xunta de Galicia, na Ronda da Muralla, o sábado 8 de marzo ás 20.00 horas. O percorrido seguirá o sentido do tráfico en dirección á Porta de San Fernando, continuando pola Praza do Ferrol, Rúa San Marcos, Praza Santo Domingo, Rúa Raiña e Concello. Desde alí, baixarase por Franciscanos ata a Praza de Santa María, onde terá lugar o acto final.
Unha vez na Praza de Santa María, procederase á lectura compartida do Manifesto, a cargo de tres destacadas activistas lucenses: María Barba Núñez, presidenta de Aliad Ultreia e referente na loita contra a trata e a explotación sexual; Pilar Sánchez Monje, traballadora da Rede Museística de Lugo e do Museo do Pazo de Tor, en representación do ámbito da cultura; e Isabel Vilalba Seivane, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, gandeira e sindicalista, en representación da loita da muller no mundo rural.
Para pechar a xornada, haberá unha actuación musical da artista lucense Rachel, acompañada por instrumentistas da cidade.
A Plataforma Feminista Lugo fai un chamamento á participación para seguir reivindicando unha sociedade máis xusta e igualitaria.