A Plataforma NonBiometano Lugo únese ás protestas estatais contra as macroplantas de biogás

LugoXa
Decenas de colectivos convocan mobilizacións simultáneas o 31 de maio para esixir a paralización deste modelo industrial que consideran contaminante e perigoso para a saúde e o territorio
manifestación_coeses
28 May 2025

Lugo acollerá este sábado, 31 de maio, unha das concentracións convocadas a nivel estatal baixo o lema 'Ni en tu pueblo ni en el mío' ao sumarse a Plataforma NonBiometano Lugo.

A cita terá lugar ás 12:00 horas diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia e enmárcase nunha xornada de mobilizacións simultáneas en pobos e cidades de todo o Estado para dicir “basta xa” ao modelo de macroplantas de biogás e biometano que, segundo denuncian os organizadores, se está a impoñer sen transparencia nin participación cidadá.

Os colectivos convocantes denuncian que este modelo industrial, presentado como sustentable e parte dunha economía circular, supón en realidade unha ameaza directa para a saúde pública, o medio ambiente e o patrimonio local.

Advirten de que estas macroinstalacións procesan residuos perigosos como xurros, lodos, cadáveres animais e subprodutos industriais, xenerando como subproduto un residuo chamado dixestato, altamente contaminante e difícil de xestionar. "Este material pode afectar gravemente a chans, acuíferos e aire, ao conter metais pesados, bacterias resistentes, fármacos veterinarios ou nitratos, e provocar focos de contaminación con malos cheiros, insectos e riscos sanitarios importantes".

Ademais, critican que estas instalacións non xeran riqueza real nin emprego local, senón que deterioran as zonas nas que se instalan, facendo caer o valor patrimonial e afectando negativamente ao turismo. Segundo os colectivos, "todo o modelo está deseñado desde directrices estatais e europeas para favorecer intereses privados, con financiamento público e sen retorno algún para as comunidades locais".

Por iso, reclaman a paralización inmediata de todos os proxectos en tramitación, aprobados ou previstos, así como unha lexislación estatal e autonómica específica, xusta, transparente e cunha ampla participación pública. Esixen tamén a prohibición destas plantas preto das vivendas, a regulación do tratamento dos dixestatos e a limitación do transporte a distancias curtas para reducir emisións e riscos.

A protesta en Lugo pretende, segundo os organizadores, sumar forzas coa cidadanía doutras moitas localidades que se ven ameazadas por este tipo de proxectos, e reivindicar unha verdadeira transición enerxética que sexa xusta, sostible e respectuosa co medio e coas persoas.

⚙ Configurar cookies
0.081599950790405