A Plataforma 'Outro Garañón... na Muralla?' insta ao Concello de Lugo a protexer o Camiño Primitivo e a Muralla

LugoXa
A Plataforma esixe ao Concello que inicie con urxencia os trámites para modificar o PXOM, garantindo as medidas necesarias para preservar o trazado do Camiño
Carril-das-Flores
31 Jan 2025

A Plataforma 'Outro Garañón... na Muralla?' denuncia a falta de protección do Concello de Lugo sobre dous elementos patrimoniais de gran valor: a Muralla Romana e o Camiño Primitivo, ambos declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

"O cruzamento do Carril das Flores coa Ronda da Muralla é un punto de sumo valor histórico e patrimonial para Lugo, pois é o punto no que o Camiño Primitivo conflúe coa Muralla Romana, ambos bens declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO", explican.

En especial, sinalan a necesidade de revisar a intervención aprobada en 2019 no Quinteiro 214A, dentro do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Recinto Histórico de Lugo (PEPRI), que consideran lesiva para a conservación destes bens.

O Camiño Primitivo foi incluído na Lista do Patrimonio Mundial en 2015 e, segundo a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, debe ser considerado ben de interese cultural. A normativa obriga os concellos a incorporar o seu trazado nos plans de ordenación municipal e a garantir a súa preservación. En 2018, o Pleno do Concello de Lugo aprobou a incorporación do Camiño ao PXOM, pero este procedemento aínda non se materializou.

Diversos informes de entidades como o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG-Lugo), ICOMOS e a Real Academia Galega de Belas Artes cuestionan a modificación do PEPRI no Quinteiro 214A, alertando sobre unha edificación que podería alterar as condicións ambientais e paisaxísticas da zona, ademais de presentar unha volumetría desproporcionada que impactaría negativamente na Muralla e no Camiño Primitivo.

A Plataforma esixe ao Concello que inicie con urxencia os trámites para modificar o PXOM, garantindo as medidas necesarias para preservar o trazado do Camiño e protexer a súa integridade, especialmente na súa conexión coa Muralla. Ademais, solicitan que se adopte unha intervención máis respectuosa no Quinteiro 214A, en liña coas recomendacións dos organismos especializados, para evitar o impacto negativo sobre este patrimonio histórico de Lugo.

0.080338001251221