A Plataforma sanitaria pide compromiso político para un tratamento centralizado do cancro en Lugo
As Plataformas Sanitarias en Defensa da sanidade e as especialidades do HULA e Cidadanía e Saúde piden publicamente a todos os grupos que concorren ao proceso electoral do 18 de febreiro para a autonomía de Galicia que definan claramente se apoian as demandas socio-sanitarias que trasladaron.
Entre as demandas, expoñen se as distintas forzas políticas están dispostos ou non a defender ante o Estado e a Xunta de Galicia que todos os tratamentos do cancro se fagan en Lugo e non se admitan derivacións a Santiago ou A Coruña e se traten de forma centralizada. “Os cidadáns non queremos ter que volver organizar despois dun tempo centralizado en Lugo, e ter que mobilizarnos cos roteiros do Cancro”, indican. Trasladan esta pregunta “polas informacións recentes que nos din que no ano 2025 poden ser centralizadas en Santiago”.
Tamén lles preguntan aos partidos se se comprometen a crear de forma definitiva unha unidade de Ictus completa e unha unidade de Cirurxía Maxilo Facial no Hula. Isto implica que “pacientes con problemas ou vítimas de accidentes, teñen que desprazarse mesmo fóra de Galicia para ser tratados”. Por outra banda, pregúntanse se as forzas políticas dotarán aos centros de saúde de completas unidades de odontoloxía, “anulando o obsoleto sistema único de extraccións” e se trasladarán á Atención Primaria os servizos e persoal necesario para eliminar totalmente as listas de espera e se se prestará o servizo en 24 horas, “recuperando o servizo os sábados igualmente no centro de saúde”.
Evitar saturacións nas urxencias
O servizo de urxencias tamén lles preocupa, polo que piden que se eviten demoras e saturación. “Non é lóxico esperar no servizo máis de 6 horas para un ingreso, cando verificamos que a habitación de destino estaba libre”, aseguran. Deste xeito, piden que as listas de espera non superen os 30 días para todas as especialidades, “coa excepción daqueles tratamentos catalogados como urxentes, pero dunha forma especial para Oftalmoloxía e Traumatoloxía.
Ademais, solicitan que se recupere ao 100 % os servizos de rehabilitación que están a ser anulados ou derivados e que se cree unha unidade de Podoloxía incorporada á rede pública para pacientes maiores ou con problemas plantares. No eido dos compromisos coa terceira idade, piden apostar polos servizos socio-sanitarios e que estes se leven a cabo en residencias públicas, aumentado o número de prazas dispoñibles e con xestión totalmente pública.