A Plataforma Ulloa Viva chama a participar na manifestación en Compostela pola defensa do monte galego

A Plataforma Ulloa Viva fixo un chamamento á participación masiva na manifestación convocada para este domingo en Compostela baixo o lema “Por un monte galego vivo e con futuro”, unha mobilización que ten lugar tras a maior vaga de incendios da historia de Galicia. A voceira do colectivo, Marta Gontá, animou á cidadanía a sumarse á protesta, asegurando que “hai que unirse na defensa do territorio e dunha maneira de vivir respectuosa coa contorna e que redistribúa a riqueza”.
Gontá participou este sábado na Proba de Navia, dentro da xornada polo 50 aniversario de Adega, nunha mesa redonda sobre as loitas sociais actuais, onde explicou á mocidade da zona a oposición da Plataforma Ulloa Viva ao proxecto de macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. A voceira defendeu “a paisaxe de mosaico, o pastoreo e unha industria sustentable que xere valor engadido” fronte ao modelo da Xunta de Galicia, ao que acusou de “impulsar un sistema baseado no espolio dos recursos para beneficio privado”.
A representante de Ulloa Viva subliñou que o modelo que defende a plataforma “axuda de maneira natural á prevención dos incendios”, mentres que as políticas actuais “obrigan a vivir no medio dunha polvoreira, asfixiando o rural ata facelo invivible”. Reivindicou así “o orgullo de ser de aldea” e asegurou que o colectivo “seguirá defendendo a paisaxe de mosaico e o pastoreo para evitar que Galicia arda”.
Na súa intervención, Gontá fixo fincapé en que o rural tradicional galego “sempre deixou espazo para os montes e a fauna salvaxe, que teñen unha función esencial no medio natural”, fronte a un modelo “centrado no beneficio económico e a explotación desaforada do territorio”. Concluíu asegurando que “seremos nós quen decidamos o noso futuro, porque queremos vida e non eucaliptos”.