A Plataforma Ulloa Viva critica que a Xunta siga adiante co proxecto de Altri

LugoXa
Para a Plataforma “resulta incomprensible” que a única resposta á petición de máis de 100.000 persoas nas rúas de Compostela sexa “seguir adiante a toda costa"
manifetacion-altri-santiago1
19 Dec 2024

A Plataforma Ulloa Viva critica as declaracións por parte de membros da Xunta de Galicia que “teñen provocado indignación” entre os milleiros de persoas que participan activamente na loita contra a instalación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei.

Desde Ulloa Viva consideran “unha falta de respecto” os “continuos desprezos e mentiras” que este colectivo está a escoitar do Goberno galego.

Aseguran desde a Plataforma que “resulta incomprensible nun goberno” que a única resposta á petición de máis de 100.000 persoas nas rúas de Compostela sexa “seguir adiante a toda costa, sen un mínimo de autocrítica, e sen escoitar ao pobo, anunciar prazos e informes favorables a Altri e dicir que non falaron con nós porque non o pedimos”.

Diante desta “grave e irrespectuosa actitude” da Xunta, a Plataforma Ulloa Viva recoméndalle ao presidente da Xunta e ás súas conselleiras “que revisen o seu correo desde o ano 2022”, en que Ulloa Viva comezou a pedir ao goberno galego que acudira a Palas de Rei a explicarlle á veciñanza o proxecto de Altri.

Nestes dez meses de insistencia en pedir reunións e información para contrastar datos e opinión, a Plataforma Ulloa Viva só acadou da Xunta que o pasado mes de xullo un director xeral da Consellería de Economía recibira a dous membros da plataforma, logo dunha petición dirixida á conselleira Lorenzana. “Esa foi a única resposta ás insistentes peticións a distintas instancias da Xunta, do presidente para abaixo, que levamos meses facendo”.

"A Plataforma si se reúne con todos os colectivos, organismos e persoas que así o solicitan", explican. De feito, dous representantes da Confederación de Industrias Téxtil de Galicia (Cointega) pediron manter unha reunión de traballo coa plataforma para intercambiar opinións sobre o proxecto e entender a contestación social e científica. En dita reunión, tanto o señor Alberto Rocha, como o exconselleiro do PP Javier Guerra “demostraron tanto a súa empatía coa veciñanza como o seu absoluto respecto por un movemento veciñal apartidista.

"ADIANTE CON TODO"

Logo de celebrar unha manifestación "histórica e pacífica en Santiago, a única resposta que recibimos do Goberno da Xunta é anunciarnos, a través da súa conselleira de Medio Ambiente, que os informes do seu departamento están listos e son positivos para Altri, e da súa conselleira de Economía, que teñen todo preparado para dar unha resposta a Altri antes de que remate o ano”, critican.

A plataforma pregúntase onde quedan as veciñas, que valor teñen para a xunta e aclaran: “Insisten na implantación pola forza que nunca será”.

A Plataforma Ulloa viva pídelle ás conselleiras de Economía e Industria e Medio Rural e ao presidente da Xunta, “que cumpran coa súa palabra e manteñamos unha reunión para contrastar os datos arredor do proxecto cando, como e onde queiran”.

Explican en Ulloa Viva que “se tan seguros están do que están a facer non deben seguir ignorando á veciñanza, terán que escoitarnos e dicirnos á cara co Estudo de Impacto Ambiental do proxecto enriba da mesa, que Altri non vai esgotar os nosos recursos naturais, non vai contaminar o noso aire e a  nosa auga, que non vai inzar de eucaliptos o noso territorio, que non vai afectar a nosa produción agrogandeira, e que non vai a matar a produción da Ría de Arousa, “e en definitiva, que non nos vai obrigar a vivir peor”.

Para rematar, a Plataforma Ulloa Viva esíxelle a Rueda e ao seu goberno “respecto, empatía co sufrimento que este proxecto nos causa, un pouco de humildade e algo de autocrítica sobre a súa maneira de proceder para con nós”.

⚙ Configurar cookies
0.63237905502319