A plataforma Ulloa Viva elixe nova directiva e reafirma a súa loita contra o proxecto de Altri

LugoXa
A Asemblea con máis de 1.700 socios confirma a aposta por un modelo aperturista e apartidista para rexeitar a instalación da macrocelulosa
xunta-directiva-e-voceiras-Plataforma-Ulloa-Viva
16 Jul 2025

A Plataforma Ulloa Viva celebrou a súa asemblea xeral de socios, nunha xornada que serviu tamén para organizar as primeiras eleccións democráticas da entidade, á que estaban chamados máis de 1.700 membros.

Como resultado das votacións, resultou elixida a candidatura encabezada por Juan Pedro Sánchez, quen asume a presidencia, acompañado por Ana Otero como secretaria e Serxio Núñez na tesourería. O novo presidente é educador social e veciño de Antas de Ulla, a secretaria é funcionaria, tamén de Antas, e o tesoureiro é docente e veciño de Visantoña, no concello de Santiso.

A nova xunta directiva, tras ser electa, traballa xa de maneira intensa tanto no proceso de traspaso de competencias coa anterior dirección como na definición das liñas estratéxicas de futuro, sempre co obxectivo prioritario de rexeitar a instalación da macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei.

Así o subliña Ana Otero, secretaria da Plataforma, quen nunha comunicación aos socios defende o “concepto aperturista” da entidade, remarcando que “o obxectivo principal é que o Proxecto Gama non se instale na Ulloa” e que “consideramos aliados a todas as persoas e organizacións que compartan con nós esta finalidade”.

Desde a directiva insisten tamén na súa postura apartidista, tal e como recorda Serxio Núñez: “A Plataforma é apartidista e non fará proselitismo de ningunha ideoloxía máis alá da confrontación co Proxecto Gama e das políticas que ameacen o territorio”.

Pola súa parte, o presidente Juan Pedro Sánchez comprométese a manter unha comunicación fluída cos socios: “As e os socios recibirán informacións periódicas das actividades realizadas e das propostas e accións que se impulsen. Responderemos a todas as demandas de información que nos trasladedes”. A plataforma resume a súa mensaxe nunha idea clara e directa: “Ninguén se salva só, só nos salvamos xuntas. Altri non”.

⚙ Configurar cookies
0.18217086791992