A Plataforma Ulloa Viva organizou unha mesa redonda en Lugo para expoñer o proxecto de Altri

LugoXa
As intervencións coinciden en alertar das consecuencias ambientais, sociais e económicas do proxecto Gama
mesa-redonda-Plataforma-Ulloa-Viva-Lugo
3 Dec 2025

O colectivo Lugo Vivo da Plataforma Ulloa Viva organizou no salón de actos da Deputación de Lugo a mesa redonda Desde a Ulloa ata o mar, polas que somos e as que virán, un encontro no que participaron a voceira da Plataforma, Patricia Coucheiro; Ana Isabel García, coautora dun dos informes do Consello da Cultura Galega sobre o Proxecto Gama; Ana F. Santamariña, vicepresidenta de Adega; e Xaquín Rubido, presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa. A sesión estivo moderada polo químico e representante de Lugo Vivo, Miguel Leiva.

Durante o debate, Patricia Coucheiro reclamou ás administracións “o portazo definitivo” á posibilidade de que Altri se instale en Galicia. Defendeu a riqueza, o benestar e a cohesión social das comarcas afectadas polo proxecto da macrocelulosa, unha zona “autosuficiente economicamente, emprendedora e coidadora do territorio tal e como é”. Anunciou tamén que a Plataforma estará o 14 de decembro en Compostela para esixir un “non rotundo” ao proxecto en Palas de Rei.

A voceira advertiu de que “non é certo que a batalla contra Altri estea gañada” e indicou que os últimos movementos da empresa co Selo Step da Unión Europea evidencian que continúa a loitar pola súa instalación. Recordou que a compañía carece de conexión eléctrica, subministro de auga e tamén da Autorización Ambiental Integrada, pero subliñou que “en ningunha administración hai un non rotundo”, polo que chamou á cidadanía a manter a mobilización ata obter unha garantía clara de Xunta, Estado e Bruxelas. A Plataforma responsabiliza á Xunta e ao seu presidente, Alfonso Rueda, “de ata onde chegue este conflito”.

O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, cualificou como crítica a situación da Ría de Arousa e advertiu do impacto que tería o proxecto de Altri: unha contaminación estimada de 65 toneladas diarias de produtos químicos, unha elevada demanda de auga e vertidos a 27 graos que, ao seu xuízo, suporían “a pena capital” para a ría. Rubido denunciou a “pasividade dolosa” da Xunta e asegurou que o proxecto significaría sacrificar o modelo produtivo tradicional, o sector agrogandeiro e mesmo o Camiño de Santiago. Chamou á sociedade galega a “actuar e tomar decisións” fronte ao modelo de país que, segundo afirmou, pretende impor o goberno autonómico.

A investigadora Ana Isabel García expuxo as conclusións do informe encargado polo Consello da Cultura Galega sobre os impactos socioeconómicos do Proxecto Gama, elaborado con base na documentación achegada pola empresa na súa tramitación. O estudo analiza o territorio comprendido entre A Ulloa, Terra de Melide, Arzúa e O Deza e conclúe que a planta produciría unha “grave fractura territorial”, así como un número de empregos moi inferior ao anunciado: entre 161 e 281 postos, fronte aos 500 prometidos por Altri. O informe advirte tamén de que os impactos indirectos beneficiarían principalmente a empresas de fóra de Galicia e que o efecto económico sería “moi reducido”, estimado en 30 céntimos por euro producido, e só nun 25% nas comarcas afectadas. Os expertos remarcan ademais a ausencia de datos sobre a segunda fase do proxecto, ao non ofrecer a empresa ningunha proxección nin compromisos.

Pola súa parte, Ana F. Santamariña, vicepresidenta de Adega, analizou os impactos na bacía do río Ulla. Indicou que o proxecto prevé captar 46 millóns de litros diarios do encoro de Portodemouros e verter 30 millóns de litros ao día, mediante tubaxes de captación e vertedura que atravesarían 517 predios afectados por servidumes. Advertiu de que a solicitude de autorización de augas está caducada e que o estudo de impacto ambiental “non é sólido” nin garante a ausencia de impactos significativos. Concluíu que a captación e os vertidos comprometerían “a viabilidade ecolóxica da bacía do Ulla”.

⚙ Configurar cookies
0.088865041732788