A Plataforma veciñal do barrio do Centro de Lugo convértese en asociación
Os veciños do centro, organizados ata hoxe en plataforma, constitúense na nova Asociación de Veciños Centro de Lugo.
Buscan con este cambio "unha entidade xurídica propia, unha consolidación da súa organización e unha necesaria unión veciñal no Barrio Centro". Con todo, apostan pola continuidade da súa liña de actuación e traballarán nos mesmos temas. Teñen ademais a intención de ampliar a súa actuación coa organización de diversas actividades culturais.
Organizáronse como plataforma no mes de abril, urxidos por uns proxectos de peonalización cos que discrepaban e levan desde entón traballando diariamente e con moita intensidade para mitigar "as innumerables molestias xeradas polas obras derivadas dos mesmos". A súa pretensión é continuar con ese traballo co mesmo talante de colaboración coas administracións na mellora do barrio Centro da cidade e a calidade de vida dos seus veciños.