A plataforma veciñal do centro convoca unha reunión informativa sobre peonalización
A Plataforma de Veciños do Barrio Centro de Lugo, vén de convocar unha xornada informativa para os veciños sobre a peonalización. Esta será o xoves 25 ás 20.00 horas no salón de actos do IES Lucus Augusti.
Explican os membros da plataforma que "ao constatar un gran descoñecemento dos cidadáns con respecto aos proxectos de peonalización previstos e que xa se están empezando a executar", organiza unha xornada informativa na que se explicarán pormenorizadamente as actuacións previstas e ademais informarase sobre a importancia das zonas verdes urbanas, aspecto que maioritariamente solicitan os veciños.
A Plataforma reafirma o súa caracter totalmente apartidista e afastado de calquera connotación política, sendo o obxectivo único desta xornada, "a necesaria información aos cidadáns".
A entrada á reunión é libre e gratuíta e participarán na sesión Xusto Portela Fernández (arquitecto), Dores García Ron (arquitecta técnica) e Emilio Díaz Varela (enxeñeiro agrónomo).