A plataforma Zona Norte reclama á Xunta que aclare os intereses detrás do plan Paradai

A Plataforma Zona Norte de Lugo manifestou a súa preocupación pola situación urbanística do plan Paradai e pediu á Xunta de Galicia que aclare se existen conflitos de intereses relacionados coa Xunta de Compensación encargada de xestionar o polígono, ao tempo que reitera o seu rexeitamento á construción dun edificio de oito plantas nas marxes do río Rato, que considera incompatible coa defensa ambiental da zona.
Desde a plataforma lembran que o plan Paradai arrinca a finais dos anos noventa, impulsado pola Deputación de Lugo a través de SUPLUSA, cando esta entidade era presidida por unha destacada figura do Partido Popular. Segundo explican, no último ano de mandato do PP, SUPLUSA vendeu a súa propiedade a un promotor privado, posibilitando que se constituíse unha Xunta de Compensación que mudou o sistema de urbanización. Posteriormente, indican, a Deputación recuperou esas parcelas e SUPLUSA pasou a formar parte da mesma xunta.
Os representantes da plataforma afirman que lles consta que durante varios anos, entre 2016 e 2020, a presidencia da Xunta de Compensación estivo en mans do actual delegado territorial da Xunta de Galicia, ao tempo que exercía tamén como xefe territorial de Ordenación do Territorio.
Segundo denuncian, isto podería evidenciar unha relación entre responsables públicos e intereses privados, xa que consideran que a xunta impulsou o proxecto dun edificio de oito plantas moi preto do río Rato, nunha zona xa afectada pola canalización previa para construír unha rotonda de acceso á avenida Infanta Elena.
A entidade veciñal valora positivamente o compromiso adquirido pola Alcaldía e o goberno municipal nun recente encontro coas asociacións veciñais, ADEGA e a Federación Veciñal Lucus Augusti, no que o Concello se comprometeu a conservar as marxes do Rato como zona verde, á espera dos informes da Confederación Hidrográfica e de Medio Ambiente da Xunta, para estudar posibles permutas ou indemnizacións aos propietarios afectados se fora necesario.
Porén, desde a plataforma advirten que é preciso esgotar todas as vías antes de recorrer a compensacións económicas que poderían supoñer un custo elevado para as arcas municipais, e insisten en que se investiguen posíbeis irregularidades na tramitación urbanística.
Así mesmo, critican as últimas declaracións da presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, ás que acusan de priorizar os intereses dos promotores privados ao esixir ao Concello que xa inicie as negociacións para indemnizar, sen agardar aos informes definitivos da Confederación Hidrográfica nin da Consellería de Medio Ambiente.